(VÍDEO) As 'Estampas galegas' de Xiao Berlai necesitan a túa axuda, e axudarlle ten recompensa
O artista galego ha creado un crowdfunding para poder apoiar o seu último traballo un disco-libro composto por cancións, relatos e ilustracións de Leandro Lamas.
É extremadamente complexo atopar o equilibrio entre aquilo que é verdadeiramente rompedor e divertido pero que ao tempo encerra un significado profundo e visceral. Xiao Berlai conseguiuno hai tempo e a súa obra, unha mestura da música tradicional galega, con trazas de rock, jazz e até música electrónica, son unha boa mostra diso. Berlai sempre se moveu nese escenario transgresor, que agora, despois de ‘Desconhecido’ e de ‘Cas Berlai’, busca levar un paso máis aló con ‘Estampas galegas’, o seu novo traballo e no que necesita contar coa colaboración do seu público.
Como no cómic con música ‘Desconhecido’, Berlai contempla o seu novo traballo como un disco-libro. Non é algo improvisado, xa que o artista dedicou anos a este proxecto no que se integran temas como ‘Um home é um home’ ou ‘Roubaronm-nola heroína’.
“En ‘Estampas galegas’ atoparemos moito máis que música. Para empezar, atoparemos ironía, humor, alegría e amor. Cada tema, chegará acompañado dunha ilustración de Leandro Lamas, e tamén dun pre-texto; historias ou reflexións propias de Xiao Berlai, cargadas de ironía e franqueza a partes iguais, e de temática tan galega como universal (Galicia no mundo)”, sinala a nota do proxecto, onde se incide que non busca ser “unha análise exhaustiva sobre Galicia”, senón “un collage” formado por unha decena de distintas instantáneas que son unha homenaxe a Castelao e a súa obra e compostas cada unha delas por un relato, unha ilustración e a canción coa súa letra. En ningún caso existe unha orde establecida para poder gozar plenamente da obra, cada un coa súa propia experiencia.
CROWDFUNDING
No entanto, un proxecto desta envergadura necesita dun apoio igual de maiúsculo. Por iso, Berlai lanzou na plataforma Verkami unha recadación de crowdfunding que poida soster este traballo faraónico e que reúne tantas disciplinas. “O diñeiro recadado servirá para poder investir na calidade do produto (fotografía, papel, acabados etc.), así como para desenvolver láminas específicas que acompañen á publicación e camisetas. Tamén, por suposto, para poder correr cos gastos do lanzamento (os envíos, as comisións da plataforma, xestión, etc.)”, sosteñen.
A liña de meta está establecida en 3.000 euros e as formas de colaborar van desde os 20 até os 180 euros de achega. Con todo, non é un mero brinde ao sol, xa que, ademais de colaborar coa cultura, as achegas “levan diversas recompensas”, como o propio traballo coas firmas de Xiao Berlai e o ilustrador Leandro Lamas.
“Tamén se poderán adquirir, coas achegas, láminas, camisetas, entradas para o concerto de presentación... E varias experiencias de alta categoría; as láminas orixinais coas ilustracións de Leandro Lamas, o desenvolvemento dun club de lectura sobre o disco-libro, e até a oportunidade de participar nun videoclip. Ademais, aplícanse descontos se se adquiren varios exemplares xuntos”, agregan sobre un traballo que encara a súa recta final e que podería estar xa listo para maio.
Escribe o teu comentario