O Concello de Ferrol redacta todos os seus contratos en castelán "exclusivamente", para enfado da Mesa
A plataforma en defensa da lingua galega denuncia que o consistorio ferrolán deixe de lado o galego nos contratos municipais.
En castelán, única e exclusivamente. Así se redactarán os contratos no Concello de Ferrol, tal e como anunciou o goberno local dirixido por José Manuel Rey Varela, que dispón de maioría absoluta no municipio nesta segunda etapa á fronte do consistorio ferrolán. A medida pregoada na cidade departamental non gustou no seo da plataforma A Mesa pola Normalización Lingüística, que pide ao goberno dos populares que rectifique a súa decisión de excluír a lingua galega dos contratos municipais.
UNHA INTERPRETACIÓN "RESTRITIVA"
O Concello ampárase na "simplificación" e "axilidade administrativa" para apoiar a súa decisión de deixar de publicar as licitacións de contratos en galego. Isto, para A Mesa, supón un tema de "gravidade" pois asumese en Ferrol "unha interpretación aínda máis restritiva da Directiva Europea da que xa fai a lexislación do Estado". "A solución non está en negar a oficialidade do galego, senón en seguir publicando en galego e en reclamar do Goberno de España que permita a publicación orixinal en galego e maiores esforzos para alcanzar a oficialidade do galego na Unión Europea", reclama o presidente da entidade, Marcos Maceira.
O goberno local insiste en que a súa decisión non supón vulnerar ningunha normativa, aínda que a plataforma entende que isto "ataca todos os acordos sobre a lingua" e mesmo vai contra o propio plan de normalización do Concello de Ferrol. Maceira reitera que o Concello non está obrigado a publicalos en castelán, xa que o galego, como lingua oficial, tamén pode ser utilizada na administración.
"Deste xeito, as convocatorias de sesións, ordes do día, mocións, votos particulares, propostas de acordo, ditames das comisións informativas, actas, notificacións, recursos, escrituras públicas, comparecencias xudiciais e todos os actos de carácter público ou administrativo que se realicen por escrito en nome das corporacións locais redactaranse en lingua galega", di A Mesa no seu comunicado, onde tamén subliña que pode facer noutra lingua oficial do territorio, como o castelán.
ESIXENCIAS A MADRID
"O alcalde de Ferrol non se distinguiu na reclamación ao seu propio partido de que defendese a oficialidade do galego na UE, que contribuiría a corrixir este tipo de exclusións do galego na lexislación", reprende Maceira, que reprocha tamén aos parlamentos de Galicia e España que non sexan máis severos á hora de facer cumprir coa lexislación.
"O que debe facer o alcalde de Ferrol é reclamar máis avances para o galego e a desaparición de todo tipo de discriminacións á lingua de Galicia na lexislación e normas do Estado, neste caso, reclamando a posibilidade de publicación de orixinais en galego máis sen deixar de publicar as versións en galego", gabia Maceira.
Escribe o teu comentario