Pedro Blanco destaca o apoio do Goberno ao Xacobeo 2027 e que "reforza o seu compromiso con Galicia"
O ministro de Cultura, Ernest Urtasun, anunciou o xoves en Vigo que previsiblemente o vindeiro martes, día 22 de xullo, o Congreso ratificará o real decreto lei polo que se outorga esta declaración ao Xacobeo 2027, que xa pasou polo Consello de Ministros
O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, destacou este sábado o impulso do Goberno outorgado ao Xacobeo 2027, co que "reforza o seu compromiso con Galicia", neste caso mediante a declaración de especial interese público desta celebración.
Isto, segundo el, permitirá ao sector turístico planificar con anticipación, captar financiamento e multiplicar as oportunidades asociadas ao Camiño de Santiago.
O ministro de Cultura, Ernest Urtasun, anunciou o xoves en Vigo que previsiblemente o vindeiro martes, día 22 de xullo, o Congreso ratificará o real decreto lei polo que se outorga esta declaración ao Xacobeo 2027, que xa pasou polo Consello de Ministros.
Tal e como trasladou a Delegación do Goberno nunha nota informativa, Pedro Blanco fixo fincapé na importancia deste ano Santo como "un motor turístico e cultural do noso país". Así mesmo, sinalou a importancia desta acción do Goberno no impulso ao Xacobeo, pois permitirá aos profesionais do turismo galegos planificar a súa estratexia de face ao Ano Santo.
Con esta medida, "o Goberno dinamiza a colaboración público-privada de face a unha data tan singular". Desta forma, a delegado espera unha multiplicación das oportunidades para o sector: "Xa o Camiño de seu xera dinamismo, pero con estas posibilidades de captación de fondos para as empresas que agora se abren e a instalación do réxime fiscal especial que esta declaración leva aparellada, o Xacobeo 2027 cobra unha dimensión aínda máis positiva para Galicia".
Ademais, o Goberno modificou o real decreto que regulaba a concesión directa de axudas destinadas ao financiamento do Plan Nacional de Sustentabilidade Turística en Destinos Xacobeo 2021, que alcanza os 121 millóns de euros.
Isto supón que o plan estienda o prazo de execución dos fondos cos que está dotado (45 de 121 totais) até o 30 de maio de 2026, así como o prazo de xustificación dun mes, que pasa a estar aberto até o 30 de xuño dese mesmo ano.
Escribe o teu comentario