O persoal do Grupo Yáñez segue sen cobrar o mes de abril, non cobrará maio e está pendente do ERE prometido
O panorama non é nada alentador nos concesionarios e talleres desta firma onde están ameazados máis dun centenar de postos de traballo. Vicente Vidal, responsable de CIG-Industria na comarca de Ferrol, actualiza a situación da firma nesta conversación con Galiciapress , onde queda claro a delicada situación do grupo, con centos de traballadores e clientes pendentes dun desenlace que apunta a liquidación.
Aquilo de “volva vostede outro día” converteuse na frase máis escoitada por todos os que se pasan por algún dos centros que o Grupo Yáñez ten repartidos pola provincia da Coruña. Xa sexa en concesionarios ou talleres, unha profunda crise económica atravesa a entidade de punta a punta, paralizando por completo a súa actividade e deixándoa ao bordo da quebra, rodeada de mobilizacións por parte dos seus empregados -que descoñecen a verdadeira profundidade da ferida nas contas do grupo- e un presunto plan de viabilidade por mandato xudicial do que aínda non se coñecen os detalles, máis aló de que o mesmo traerá despedimentos. Máis dun centenar, para ser concretos.
“NON COBRARÁN”
Case dous meses despois do inicio das protestas, a situación no Grupo Yáñez non fixo máis que empeorar para o persoal. “Non cobraron o mes de abril e tampouco van cobrar maio”, quéixase con amargura Vicente Vidal, responsable de #CIG-Industria na comarca de Ferrol, que, aínda que non pode certificar que os cobros non se realicen antes de entrar en xuño, é pesimista ante o escenario actual.
A decisión do xulgado do Mercantil de nomear a un avogado para tratar de trazar un plan de viabilidade na compañía, que arrastra unha débeda por encima dos 7 millóns de euros e cuxo xerente permanece en paradoiro descoñecido, logrou frear a sangría na firma, onde polo menos agora os sindicatos teñen a alguén ao que dirixir para coñecer a última hora dunha situación que, no entanto, non parece ir a mellor.
“A semana pasada o avogado comentounos que falou xa coas entidades financeiras e que logrou desbloquear algúns asuntos, mesmo co diálogo con Volkswagen para as pezas e o crédito”, indica Vidal.
CLIENTES AFECTADOS
Con todo, os concesionarios e talleres seguen hoxe “secos” de traballo, pois practicamente só poden asumir aqueles encargos onde o cliente asuma adiantar pola súa conta o diñeiro para a compra das pezas e a reparación, porque a casa automobilística segue pechada a permitir que creza a débeda do Grupo Yáñez pese ao diálogo establecido co avogado fixado polo xuíz.
Isto abre unha vía para os clientes, que tamén quedan nunha situación comprometida. Como explicaba hai unhas semanas a este diario o avogado Xoan Antón Pérez-Lema, de Avogados e Consultores S.L., a recomendación para aqueles clientes de Volkswagen que teñan que pasar unha revisión obrigatoria ou necesiten dunha reparación é "que se acudan no lugar e si non os poden atender que chamen á Policía Local”.
“Un consumidor se non pode ser atendido debe chamar á Policía para que se documente esa negativa. A partir de aí buscar a solución noutro lado, gardar as facturas e reclamar, aínda que si Yáñez entra en concurso será moi difícil que poida responder ante os seus clientes”, detallou.
"A esta xente estáselle negando un servizo. Non pode facelo no seu concesionario habitual e teñen que desprazar a Lugo, a Ourense... Entendo que os consumidores poden reclamar todos os prexuízos que lles poida causar: as viaxes, a gasolina, os posibles excesos de facturas, outros trastornos sufridos...", argumentaba Pérez-Lema.
A continuación, os concesionarios seguen se stock e, recoñece Vidal, “ninguén quere comprar un coche vendo a situación de incerteza na que está o grupo, porque non hai garantías de que cho poidan servir”. Mentres, os traballadores seguen acudindo aos seus postos de traballo, aínda que traballo haxa pouco. “Algúns sondaron pedir a resolución do contrato”, comentan desde a CIG.
VENDA A PÉREZ RUMBAO E ERE?
Os rumores pon á compañía Pérez Rumbao detrás da pista para facer con estes establecementos. O plan de viabilidade deu unha bóla extra ao Grupo Yáñez, porque ampliou un pouco a prórroga do preconcurso no que leva sumido desde decembro de 2024. De non resolver o escenario a finais de xuño sería o de volver ao Mercantil “e xa podería entrar en concurso, de convenio ou de liquidación, que é o máis seguro".
As empresas interesadas están a agardar pola resolución e ver o prezo máis baixo polo que facer cos establecementos e talleres. “Pero iso pode levar meses. Meses que este persoal pode seguir sen cobrar”, censura Vidal, que entende que algúns traballadores, mesmo “poden pedir a baixa por depresión” ao ver “atados de pés e mans” e “facendo tempos mortos no seu posto de traballo case todo o tempo”.
Agora todo pasa polo ERE que quedou pendente de presentar a semana pasada. O Expediente de Regulación de Emprego é un elemento crave no presunto plan de viabilidade que podería reflotar a empresa, aínda que suporía arrasar con preto da metade dos empregos nos centros de traballo da Coruña, Santiago e Ferrol, sendo neste último “uns 21 traballadores os afectados”. No total, serían aproximadamente 114 os empregos ameazados pola formulación dun ERE que se atrasou “por uns problemas administrativos”.
“A día de hoxe non sabemos nada máis”, critica Vidal, que adianta para este xoves 29 de maio unha nova xornada de protestas por parte do persoal con mobilizacións ante os centros de traballo como medida de presión para que se descubran máis detalles sobre o plan de viabilidade. “Será un paro simbólico de media hora para presionar e que se nos clarifiquen as cousas. Os traballadores non poden seguir sen cobrar e queremos que nos digan as cousas con claridade. Se nos din que van presentar o ERE e non o fan, queremos saber que vai pasar”, resolven.
Escribe o teu comentario