Audasa aumenta o seu beneficio nun 30% en 2022
Un dos motivos é o aumento dos prezos das peaxes
Audasa, a empresa concesionaria da Autoestrada do Atlántico, a AP-9, que transcorre entre Ferrol e a fronteira de Galicia con Portugal, pechou 2022 cuns beneficios netos de 66 millóns de euros. Trátase dun incremento do 30% respecto ao ano anterior, no que a empresa recadara 50 millóns de euros de beneficio, superando así as cifras anteriores á pandemia, despois de ingresar menos de 34 millóns en 2020.
O forte repunte dos ingresos de Audasa, tras as restricións de mobilidade pola pandemia, explícase coa subida do prezo das peaxes un 2,9%, ademais dun aumento de vehículos durante 2022 fronte ao ano anterior. Tamén, segundo informou Audasa, reduciu o seu persoal un 1,7% (un total de 233 empregados), dado que asegura que un 96% dos pagos de peaxe realízanse con sistema automáticos. Isto permitiu á empresa reducir custos durante o último ano.
Con todo, aínda queda por saber como afectou e como afecta o tráfico pola AP-9 a actual gratuidade da ruta ferroviaria entre A Coruña e Vigo a través dos bonos gratuítos de Renfe. Trátase actualmente da principal competencia que ten a Autoestrada do Atlántico e que aínda non se determinou como reduciu o tráfico de vehículos desta estrada.
Trátase dunha das autoestradas coas peaxes máis caras de toda España, o que permitiu á súa concesionaria que un ano como 2020, con duras restricións de mobilidade pola pandemia e nas que o número de vehículos que circulaban pola AP-9 foi moito máis baixo, ingresase aínda así 33 millóns de euros, unha cifra maior que en 2014.
A todo iso hai engadirlle que Audasa sumase tamén 6,8 millóns de euros, a través de descontos comerciais, ás bonificacións do Ministerio do Interior, dando como resultado un total de 34 millóns de euros destinados a que o traxecto de regreso no mesmo día pasase a ser gratuíto.
MENOS VEHÍCULOS PERO MÁIS BENEFICIO
En 2007 Audasa cumpriu a súa marca histórica de vehículos circulando pola #AP-9. Este 2022 foi un 9,1% menos, rexistrando unha media de 24.561 vehículos por día.
Con todo, a consecuencia do aumento do prezo das peaxes, Audasa ingresou máis que fai 15 anos, un 17% máis de beneficio neto: 66 millóns de euros fronte aos 56 millóns que obtivo de beneficio en 2017.
Escribe o teu comentario