Maiwa, “a marca da raspa”, aposta por vender as súas camisetas en latas de conserva
O novo método de embalaxe da compañía galega, que leva apenas tres anos no mercado, é unha homenaxe á tradición mariñeira da comunidade.
A historia de Maiwa remóntase só uns anos atrás, a un convulso 2020 no que, talvez, o ideal fose non emprender ningún negocio arriscado porque a situación sanitaria e económica non convidaban as aventuras. Pero, como o que non arrisca non gana, esta pequena marca de moda galega lanzou os seus aparellos ao mar a ver se picaba algo e entre as súas redes atoparon unha alta demanda de xente que quería lucir a raspa nas súas pezas.
Desde a súa saída ao mercado, a marca non deixou de crecer sen renunciar ás súas raíces galegas e sen deixar de lado o seu estilo xuvenil e rompedor. Proba diso, é a última colección de verán, para a que a marca escolleu un packaging en grao sumo particular pero que reflicte moi fielmente o estilo transgresor de Maiwa.
Nunha lata de conserva. Como van as sardiñas, así viaxa a roupa de Maiwa. Camisetas e sudaderas, todas coa raspa que identifica á firma e enlatadas en conserva, unha clara homenaxe a unha industria tan ligada á comunidade e que tamén viviu momentos complicados.
TRADICIÓN E ORGULLO
“Buscabamos seguir o ronsel de calidade galega que vén desde o mar e reflíctese en todos os aspectos empresariais da nosa terra. Maiwa quere ser reflexo e homenaxe da vida ligada ao mar que foron o alicerce da economía e vida dos pobos do litoral, que crearon ao seu ao redor toda unha industria de referencia en Europa e que hoxe se pode tamén levar con orgullo grazas á moda producida aquí” explica Marta Vázquez, responsable do proxecto.

Ese sentido polo respecto e a posta en valor pola cultura galega e a súa tradición é a que puxo a esta pequena compañía na fala da xente no mundo da moda, que di sentir “orgullo de pertencer a esta terra que engancha de verdade” e pola que miles de viaxeiros quedan prendados cada ano.
“Ao longo da orografía da costa galega atópanse os típicos pobos mariñeiros, eses en os que o mar é a súa forma de vida, e que mellor que una raspa, pensamos, para representar e unir dúas tradicións moi vinculadas a Galicia, o téxtil e o mar. Maiwa, busca iso, esa faísca galega que engancha coa súa filosofía de gozar da vida”, conclúen.
Escribe o teu comentario