A sétima edición da Holi Gaiás celebrarase 7 de xuño e terá un fin solidario
As persoas que non desexen participar na carreira pero que si estean interesadas en colaborar, poderán comprar dorsais solidarios, cuxa achega se destinará de forma íntegra á Fundación Andrea
A sétima edición da carreira 'Holi Gaiás' será o 7 de xuño e os interesados en participar xa poden inscribir na web da Federación Galega de Atletismo. Ademais, os nenos menores de 10 anos poderán participar no evento cunha 'Peque Holi' chea de cor.
Nesta edición, segundo informou a Xunta, un euro do custo de cada inscrición doarase á Fundación Andrea, que apoia a nenos con enfermidades crónicas, de longa duración ou terminais.
As persoas que non desexen participar na carreira pero que si estean interesadas en colaborar, poderán comprar dorsais solidarios, cuxa achega se destinará de forma íntegra á Fundación Andrea.
A carreira, cun circuíto de cinco quilómetros para os maiores e outro de 700 metros para Péquea Holi, conta con po de cores, música e coreografías que animan aos participantes durante a xornada. Tamén haberá premios nas categorías infantil e adulta para as mellores clasificacións.
Esta xornada deportiva e lúdica, que se celebra no Monte Gaiás, ten como fin fomentar hábitos de vida saudables desde unha perspectiva non competitiva.
A saída da Holi Gaiás será ás 12:00 horas e nela inclúense as categorías infantil (nacidos entre 2010 e 2015) e adulta (nacidos en 2009 e anos anteriores).
Pola súa banda, os nenos que participen en Péquea Holi (nacidos entre 2016 e 2021) realizarán un percorrido de 700 metros con saída ás 11:30 horas. Os menores nesta última proba poden ir acompañados dunha persoa adulta.
Escribe o teu comentario