Lence seguirá recollendo só leite galego e sinala que non haberá desabastecemento aínda que hai escaseza
O Grupo Lence, a principal industria galega do sector, indica que seguirá "apostando polo leite 100% galega a pesar da escaseza". A empresa de Lugo advirte que nestes momentos hai moita máis demanda que produción.
Supermercados de Galicia xa repercuten o descenso do IVE aprobado polo Goberno de España aos produtos básicos como o leite ou o pan
Carmen Lence, a presidenta deste grupo familiar, estima que "non haberá desabastecemento, aínda que talvez si escaseza”. A directiva indica que os consumidores están a pagar máis polos produtos lácteos, un 27% aproximadamente; pero que este incremento non compensa todo o que se encareceu a produción, en torno ao 47%".
En definitiva, 2022 foi un "ano duro" con "constantes subidas do prezo do leite en orixe que non se puido trasladar na súa totalidade aos nosos clientes".
IMPACTO BÉLICO SEN FIN Á vista
Hai varios factores que inflúen nesta prolongada tensión no mercado. O principal é que a inflación está a afectar especialmente a varias das materias primas dos gandeiros. Por exemplo, os fertilizantes, os pensos e o prezo da luz. Un problema que o sector sofre desde hai meses, como xa indicou Lence este verán.
A guerra de Ucraína, un dos grandes produtores de cereal, e o conflito de Occidente con Rusia, un dos seus grandes provedores de enerxía a Europa, explican en boa medida estes incrementos.
Cun conflito bélico que non parece poida terminar pronto, Carmen Lence indica que ás industrias lácteas non queda outra saída que incrementar a súa eficiencia para así non ver mermado a súa marxe de negocio
BAIXADA DO IVE
Neste difícil escenario, o Goberno acaba de eliminar o IVE do leite, como o doutros alimentos básicos. Antes, tiña un gravame do 4%. Unha medida que, en opinión de Lence, axudará a que a sociedade sexa plenamente consciente de canto custa producir un litro de leite.
Entre os produtos que quedaron sen IVE están, ademais de leite e algúns derivados como o queixo, ovos, froitas, pan, fariñas panificables, verduras, patacas e cereais. Outros, como o aceite, seguen igual e algúns, como a pasta, ten a metade de IVE que antes.
O Grupo Lence es a principal industria láctea de capital galego e comercializa marcas propias como Leite Río, Cremosita, Solar ou Leyma. O seu papel no campo galego é clave, porque recolle produto nunhas 350 granxas, moitas de tamaño modesto. É a terceira industria do país por volume de leite recollido.
Escribe o teu comentario