Preocupación no sector dos autobuses, incapaz de pechar os seus convenios, pola subida dos combustibles
Coas negociacións dos convenios na Coruña e Pontevedra aínda abertas os empresarios asómanse agora a unha perigosa deriva inflaccionista.
O sector do transporte de viaxeiros por estrada en Galicia atravesa un momento especialmente convulso. Ao pulso que manteñen os empresarios cos sindicatos nas provincias da Coruña e Pontevedra, onde as partes son incapaces de pechar un acordo que permita establecer un novo convenio, agora a patronal suma á súa lista de preocupacións o encarecemento dos prezos dos combustibles pola guerra aberta entre Estados Unidos e Irán, unha escalada de prezos que pode ter consecuencias entre os traballadores e os usuarios.
NEGOCIACIÓNS
O encarecemento dos prezos pode ter o seu eco nas negociacións do convenio. Nun contexto de inflacción, é lóxico pensar que, para amortecer o golpe sobre os petos dos operarios, os sindicatos pidan aumentar a subida salarial e axustala ao IPC, unha demanda compartida nas mesas de negociación da Coruña e Pontevedra.
Con todo, parece difícil que os empresarios abran máis a man neste sentido, xa que as fontes consultadas trasladáronlle a Galiciapress as dificultades no diálogo para lograr melloras tanto no aspecto salarial como en medidas que permitan a conciliación ou unha rebaixa na xornada.
ENCARECEMENTO DO BILLETE?
A resposta inmediata do sector chegou a nivel estatal, coa Confederación Española de Transporte en autobús (Confebús) reclamando ao Goberno central medidas para que o impacto sexa menos lesivo sobre as compañías. Así, a proposta é subir o prezo das tarifas, algo que encarecería o prezo das viaxes.
"Confebús solicita ás administracións o establecemento de plans de continxencia para paliar esta situación, como unha revisión extraordinaria das tarifas, en función da enerxía", reclaman desde a organización, onde tamén demandan bonificacións fiscais para o combustible "nun contexto no que a estabilidade dos custos enerxéticos e o apoio á mobilidade colectiva resultan factores crave para o futuro do transporte".
Por agora non se deron pasos desde o Goberno a estas solicitudes, pero a previsión é de que se adopten medidas similares ás aplicadas co inicio da ocupación de Rusia en Ucraína, cando tivo lugar unha espiral de subida de prezos similar á que pode ter lugar agora.
"A escalada de conflitos bélicos en Oriente Medio comeza a ter efectos negativos en distintos sectores económicos, entre eles o transporte de viaxeiros por estrada en España, debido principalmente ao seu impacto nos prezos da enerxía, os custos operativos e a estabilidade económica internacional", argumenta a plataforma, que pon o foco tamén sobre o turismo, que tanto acode a estes transportes.
Escribe o teu comentario