Unha nave industrial destinada a matadoiro de capóns e de pito ecolóxico recibe luz verde ambiental da Xunta
O proxecto avaliado é unha nave industrial no polígono vilalbés que se destinará a matadoiro de aves, concretamente, e pito ecolóxico. Contará con dúas plantas diferenciadas e existirá outra zona anexa de descarga e lavadoiro de camións.
A Xunta deu luz verde ambiental á execución dunha nave industrial no polígono de Sete Pontes, en Vilalba, destinada a un matadoiro de capóns e de pito ecolóxico, autorización superditada, ao cumprimento das condicións incluídas nos distintos documentos emitidos no marco da tramitación do procedemento.
Tal e como trasladou o Goberno galego nunha nota de prensa, segundo conclúe o informe de impacto ambiental (IIA) emitido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, non son previsibles efectos adversos significativos derivados deste proxecto, "sempre que se respecte tanto o recollido no documento ambiental como no condicionado que figura" na resolución autonómica.
Unha vez emitido o IIA, que "non exime ao promotor da obrigación de obter todas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes que resulten legalmente exixibles", esta resolución remitiuse á Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias.
O proxecto avaliado é unha nave industrial no polígono vilalbés que se destinará a matadoiro de aves, concretamente, e pito ecolóxico. Contará con dúas plantas diferenciadas e existirá outra zona anexa de descarga e lavadoiro de camións. Así, a capacidade produtiva en condicións ideais é de 400 pitos ecolóxicos/hora e 100 capóns/hora. A matanza máxima diaria será de 2,25 T/día de capóns e 3,9 T/día de pito ecolóxico. Con todo, a Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias será o órgano encargado de tramitar e autorizar o proxecto.
Escribe o teu comentario