ENCE Pontevedra paralizada por completo pola folga contra o ERE
O persoal de Ence en Lourizán secundou este martes de forma masiva a folga convocada polo comité de empresa, que sitúa no 100% o seguimento do paro laboral en rexeitamento ao expediente de regulación de emprego (ERE) promovido pola dirección do grupo pasteiro. A medida, que afecta a 39 postos de traballo, provocou unha onda de protestas dentro e fóra das instalacións da compañía, coa participación activa de representantes sindicais e traballadores de distintos centros de produción.
A xornada de folga tivo un alto impacto na planta da ría de Pontevedra, onde a actividade se detivo completamente desde primeira hora da mañá. Os traballadores aseguran que a proposta de axuste de persoal impulsada pola empresa pon en risco o futuro do emprego industrial na comarca, nun momento delicado para a transformación enerxética e ambiental que afronta a fábrica de Lourizá.
En paralelo á folga, os traballadores viaron hoxe a Santiago de Compostela para concentrar fronte á sede do complexo administrativo da Xunta de Galicia, onde esixiron a mediación do Goberno autonómico ante a situación laboral que se vive na planta. As súas reclamacións caeron en saco roto, por agora nin o presidente da Xunta nin sequera algún dos seus conselleiros hase dignado a recibilos.
As organizacións sindicais insisten en que a Xunta debe implicar activamente, dado o impacto socioeconómico que o axuste tería na comarca de Pontevedra e no tecido industrial galego.
O ERE afecto non só á factoría de Lourizán, senón tamén a outros centros do grupo en Galicia, onde Ence mantén actividade vinculada á transformación da madeira e a xeración de enerxía a partir de biomasa. Con todo, a maior preocupación concéntrase na planta pontevedresa.
Durante os últimos días, a tensión foi en aumento. O pasado venres, parte do persoal concentrouse tamén na capital galega, nunha mobilización desenvolvida ante as portas da Confederación de Empresarios de Galicia (#CEG). Con pitos, pancartas e consignas, os manifestantes quixeron visibilizar o seu rexeitamento ao ERE e reclamar ás institucións apoio na defensa do emprego.
Desde a dirección da empresa, deféndese que a medida responde a criterios de reestruturación e eficiencia organizativa, nun contexto de cambios de mercado debido ao esborralle da cotización da pasta de papel nos mercados internacionais.
A unidade mostrada polo persoal hoxe reforza, segundo os sindicatos, a súa determinación para manter a presión até lograr unha solución negociada. Unha unidade de acción en Galicia que non existe con outros centros fóra da comunidade. Na planta de Navia os sindicalistas tentaron negociar un plan de baixas incentivadas e ante o seu fracaso a empresa ameaza cun ERE. Na fábrica de Asturias non hai folga. Pola súa banda, os traballadores das oficinas de Madrid criticaron as protestas en Pontevedra.
Escribe o teu comentario