O sinistro en Mauritania entre o Tafra 3 e o Right Whale produciuse porque "non se viron vir"
Cinco persoas continúan desparecidas despois de que o 'Right Whale', de 105 metros de eslora e bandeira de Gambia, chocase co 'Tafra 3', con pavillón de Mauritania, capital galego e até dous españois a bordo.
José Manuel Diz, o patrón de costa do pesqueiro 'Tafra 3', afundido o pasado venres na costa de Mauritania, asegurou que "non viron vir" ao buque que os abordou, o 'Right Whale', indicando que o barco se foi ao fondo "en 5 minutos" sen que lles dese "tempo a nada".
Así o sinalou Diz ante os medios de comunicación á súa chegada ao aeroporto de Peinador de Vigo ao redor das 12.30 horas deste mércores.
"Xa vistes o que pasou. Máis claro, auga", apuntou o tripulante, relatando que estaban a recoller o aparello de pesca cando sentiron o golpe e "non deulles tempo a nada". "Foi iso, non ten outra explicación", lamentou.
El indicou que viran ao 'Right Whale' a varias millas e logo no momento do impacto. "Non o ves vir", subliñou, insistindo en que ao estar a traballar tes "manobra restrinxida", polo que é o outro buque o que ten que manobrar.
Ademais, quixo destacar que tanto el como o resto dos seus compañeiros que lograron sobrevivir non estiveron presos "en ningún momento", agradecendo o bo trato recibido tanto por parte do armador, como das autoridades españolas e mauritanas.
Sobre o resto de mariñeiros españois, aclarou que no buque só viaxaba outro galego, o patrón Javier Gestido, que se atopa ben nun hotel de Mauritania por "formalismos" e para realizar "algún papelorio" pendente.
Na mesma liña falou unha das responsables da armadora viguesa Baipesca, Claudia Martínez, que explicou que cando o barco partiu si ían tres españois: dous galegos e un de Huelva. Con todo, este último cambiou de buque antes do incidente.
Ela lamentou a perda de 5 persoas, indicando que aínda continúa a procura destes mariñeiros desaparecidos. "Son momentos moi duros", lamentou, lembrando que hai unha investigación en marcha para que se aclare o ocorrido.
FEITOS
Todo iso despois de que o buque factoría 'Right Whale' chocase o pasado venres contra o pesqueiro de capital galego-mauritano 'Tafra 3' na costa de Mauritania.
Un total de cinco persoas continúan desparecidas despois de que o 'Right Whale', de 105 metros de eslora e bandeira de Gambia, chocase co 'Tafra 3', con pavillón de Mauritania, capital galego e até dous españois a bordo. En concreto, ambos eran galegos, chegando este mércores Diz a Vigo tras o ocorrido.
O suceso produciuse ás 20.40 horas española fronte á costa de Nouadhibou, no norte de Mauritania, onde actualmente faenan outras embarcacións de capital galego, así como español. O capitán e o primeiro oficial do 'Right Whale' foron detidos.
Escribe o teu comentario