Juan Picos, profesor na UVigo: "O máis preocupante dun incendio é a súa propagación, aquilo que transformou unha faísca nun gran lume"
Juan Picos é profesor na Escola de Enxeñaría Forestal da Universidade de Vigo. Xunto ao seu equipo realizou algúns traballos de investigación cuxos obxectivos eran, sobre todo, as causas que motivaban o rápido avance dos incendios forestais. Picos quere que vexamos un incendio como un cúmulo de causas, desde o cambio climático, o abandono rural e o aumento da masa forestal que pode axudar a expandir un incendio en moi pouco tempo. Cre que a boa xestión do monte é necesaria para reducir o seu impacto e, en relación ao eucalipto, tamén apunta a como se xestiona unha plantación para non ser un elemento incendiario.
-Ante a virulencia dos lumes habidos en Galicia este mes de agosto, cales cre que son as múltiples causas detrás destes incendios tan violentos?
Sempre tendo a diferenciar entre as causas da ignición, é dicir, por que aparece o primeiro punto orixinario do lume e en segundo lugar, cales son as causas da propagación, que converte a un lume nun incendio medio, nun gran incendio ou nun incendio incontrolable. A miña área de traballo son as causas da propagación, para a orixe do lume están as unidades de investigación da Policía Autonómica ou do SEPRONA. Creo que o máis preocupante dun incendio son as causas da súa propagación, aquilo que transformou unha primeira faísca nun gran incendio. Houbo grandes incendios en 2024, o ano con menor número de lumes e con menor superficie queimada, ao contrario que este 2025 o cal bateu todas as marcas. Volvendo ás causas, estas son a combinación entre o combustible e as condicións meteorolóxicas no período de incendios. Cando falo de combustible refírome á cantidade de vexetación sobre o territorio e a facilidade coa que pode entrar en combustión. Este fenómeno está relacionado coa climatoloxía pasada, non só co momento do incendio senón coa habida semanas antes do lume. Ao comezo dos incendios o que temos é moito combustible xa asentado con anterioridade e en condicións propensas a facilitar o lume. A climatoloxía pola súa banda, compúxose de días cunha humidade moi baixa, temperaturas elevadas tanto de día como de noite, batendo marcas históricas nesa zona de Ourense. A todo isto engádense os ventos, primeiro cunha fase de nordés e logo outra de compoñente sur, todos persistentes e con refachos. Finalmente, está o efecto das tormentas secas, rebentóns cálidos que fan imprevisible ao lume. Este cóctel é o que nos fai pasar dun ano co menor número de incendios a outro ano co maior número de incendios no territorio.
-O cambio en políticas contra o lume, centrar máis os labores de extinción como se propón desde algúns sectores?
Un dos factores que nomeei garda relación coa enerxía acumulada na atmosfera e que está relacionado co cambio climático que estamos a vivir. O outro factor está relacionado coa enerxía almacenada no territorio e que é a vexetación acumulada sobre o terreo. Falta un terceiro factor que son os medios de combate e de prevención contra os incendios. Se observamos ese triángulo, a parte relacionada ao cambio climático é global pero é difuso en medidas concretas sobre Galicia. O traballo sobre o combustible acumulado para evitar grandes incendios forestais é un traballo máis concreto e que debe afrontar toda a sociedade, incluídas as diferentes administracións coas súas leis. Hai moito traballo que facer sobre a situación en que nos atopamos os combustibles este ano porque arderon zonas que xa arderan en 2022. É dicir, en tres anos eses lugares estaban xa dispoñibles para arder. Estes lumes percorreron amplas zonas sobre todo na provincia de Ourense e estas zonas, quizá en poucos anos, vólvanse a ver afectadas outra vez polo lume, por tanto, a intervención sobre o territorio é fundamental. Por outra banda, que elementos se deben usar para combater estes eventos de forma eficaz? Primeiro, o dispositivo debe traballar nun “terreo amigable”, porque no fondo levar medios a un lugar de acceso complicado non deixa de ser unha misión imposible. A parte preventiva non debe implicar soamente reducir riscos tamén implica en dar oportunidades a eses medios, por outra banda, estes medios deben estar formados para combater este tipo de incendios. Tradicionalmente en Galicia afrontabamos eficazmente numerosos incendios aínda que de tamaño máis pequeno, e o dispositivo sempre foi moi eficaz e cun traballo baseado nun bo coñecemento do territorio, pero a tipoloxía dos novos lumes non é a mesma que anos atrás. Por tanto, o dispositivo debe reorganizar e aprender a afrontar a nova xeración de incendios que poden supor semanas e un traballo loxístico que nos obriga a cambios en estratexias de control. Aínda así, se o territorio non favorece o traballo será case imposible.
Houbo grandes incendios en 2024, o ano con menor número de lumes e con menor superficie queimada, ao contrario que este 2025 o cal bateu todas as marcas
-Se falamos de territorio enténdese tanto a orografía como a dispoñibilidade de medios.
Claro, porque até agora falabamos de incendios forestais que se daban en zonas forestais pero estes grandes incendios consomen territorio: zonas agrarias, forestais e urbanizadas, por tanto o traballo a desenvolver debe ser equiparable á intensidade do incendio. Por tanto, a responsabilidade non só debe recaer na administración forestal, as infraestruturas deben traballar sobre prevención igual que nas zonas urbanizadas e agrarias. A prevención debe ser estrutural, por iso falo de territorio porque estes incendios poden levar por diante miles de hectáreas e isto non só inclúe espazo forestal.
-Aínda así, como é posible que lugares con bosques de frondosas estean a arder, non eran máis resilientes?
Ás veces podemos quedarnos con leccións moi simples do que son estes fenómenos. O incendio forestal é sempre contexto. Unha masa de frondosas madura, cunha determinada idade nas súas árbores e en sitio correcto con humidade, supoñen un freo para o lume. Aínda así, as frondosas por si soas non son un freo ao lume e tampouco poden vivir en calquera lugar polas condicións. Con todo, observamos que en lugares onde existen masas de frondosas houbo certa resistencia ao lume pero se debe ao conxunto formado pola vexetación, a súa estrutura e o lugar que habitan. As frondosas son unha ferramenta básica para aumentar a resiliencia do noso territorio pero deben estar no lugar correcto e coa xestión correcta para que cumpran o seu papel.
Hai moito traballo que facer sobre a situación en que nos atopamos os combustibles este ano porque arderon zonas que xa arderan en 2022
-Despois deste tempo analizando e investigando o monte, cal é a súa percepción ante o señalamiento a eucaliptos e piñeiros como “culpables” do lume?
Isto é parte outra vez do contexto: que se vai a plantar, onde se vai a plantar e como se vai a xestionar. Esas son as tres cuestións a abordar. Indo ao concreto, é o eucalipto un factor influente para determinados incendios? É certo. É o único factor que podemos indicar como orixe dos incendios? Non ten sentido porque a presenza desta árbore nos territorios incendiados este ano é moi escasa. É un factor, pero: onde está?, como se xestiona?, por que está?. Isto último é porque existen masas de eucaliptos ás que non se lles saca rendemento económico, permanecen abandonadas e quedámonos con todos os prexuízos e sen ningún beneficio, non cumpren ningunha función. Tamén hai lugares onde os piñeiros presentan algúns problemas porque están en zonas máis secas, porque a súa xestión non foi a idónea e nunhas zonas poden ser un problema e noutras zonas poden ser unha oportunidade. Outorgarlle a solución definitiva a un determinado aspecto en relación aos lumes sempre será algo equivocado. Se este ano o eucalipto non foi o problema non quere dicir que non teñamos que sospeitar. A esta discusión débeselle engadir evidencia, ciencia e contexto porque normalmente a xente non se para nestes puntos, búscase un culpable e quedamos todos tranquilos, pero non é certo.
-Cales serían os pasos a seguir para a recuperación dos terreos que arderon?
O primeiro, unha avaliación de danos porque a extensión é tan grande que imos ter todas as combinacións de danos posibles. Existen áreas por onde o lume pasou moi rápido como son as áreas de mato e que se recuperarán en breve, estes terreos están afeitos sufrir un certo impacto polo lume. Outras zonas terán unha afección máis severa como poden ser pendentes, con forte impacto do lume sobre o solo, mesmo se agora veñen as choivas con certa intensidade poden producir arrastres. Con miles de hectáreas queimadas, o máis importante é acertar con que facer en cada lugar.
O eucalipto é o único factor que podemos indicar como orixe dos incendios? Non ten sentido porque a presenza desta árbore nos territorios incendiados este ano é moi escasa
-O uso de gando e plantación de frondosas e a apertura de pastos pode ser unha solución?
Se se realizou no lugar axeitado e con persistencia, porque os bosques de frondosas necesitan un certo manexo nos primeiros anos. Houbo casos de comunidades de montes que fixeron as cousas ben pero volveron a sufrir incendios. Iso non significa directamente facer as cousas mal, debemos estar atentos á capacidade de recuperación destes montes porque se estiveron ben traballados a súa recuperación será maior que os abandonados ou con pouca xestión. A conclusión ante estes incendios non é “dá igual o que se faba”, é importante facer as cousas ben. En 2017 e en 2022 realizamos estudos sobre montes queimados pero cunha boa xestión e que ao final se recuperaron mellor. Creo que ante este tsunami de incendios non podemos elixir que arde pero si como arde, parece un premio de consolación pero é moito máis importante do que creemos pois o impacto menor sobre o monte e o solo ten gran importancia.
-Vostede cre na “industria do lume”?
Creo que é un concepto máis pexorativo. Si é certo que hai un número de empresas destinadas aos medios de extinción, sobre todo medios aéreos, e que son contratadas para prestar este servizo, con todo, eu non creo na “industria do lume”. A existencia dese sector económico é consecuencia da existencia deste tipo de incendios. Sempre se tende a buscar unha explicación simple: “debe haber unha man negra que debe estar detrás do lume”. Non creo nas 'mans negras' pero si creo na necesidade de avións e que haberá un sector beneficiado pero ao mesmo tempo debe ser controlado para evitar a existencia de conflitos de intereses. Con todo, creo que España ten unha tradición dun certo control sobre este apartado. Se Airbús pode vender un avión grande para apagar lumes venderano, pero non por iso é responsable de incendios. Certo é que puntualmente pode aparecer unha persoa anteriormente vinculada á extinción de incendios e estar implicada nun lume, entón haberá quen diga: “son os brigadistas” e non é certo. Tamén é certo que houbo procesos xudiciais cuestionando como se realizan as contratacións das empresas contraincendios, pero esta non creo que sexa a explicación, todas as empresas que cometan irregularidades deben ser sancionadas. Pero creo que estes factores non son a explicación a que agora existan miles de hectáreas queimadas.
Con miles de hectáreas queimadas, o máis importante é acertar con que facer en cada lugar
-Cre que as autoridades competentes han tomado nota ou é posible que se baixe a garda e repítase o mesmo patrón de incendios?
Cónstame que hai persoas dentro da administración que si tomaron nota, mesmo dentro do mundo científico. O problema está na lentitude para convencer ao resto de autoridades e poboación e tamén somos lentos cos nosos procesos pois podemos falar de prevención pero están os propietarios, deslindar, conflito de competencias, por iso digo que temos os cables enredados. A política e as reformas xurídicas deben dar ferramentas para ser máis eficientes no que debemos facer. Que redactemos un documento sobre posibles cambios lexislativos sobre incendios en 2022 e que aínda non se reflectise nalgún documento legal, demostra o lentos que somos. Tamén deberiamos retirar boa parte da presión que se exerce sobre as autoridades competentes en materia forestal porque, como xa dixen, estamos ante unha cuestión de territorio máis ampla todos os ámbitos deben traballar en prevención desde a construción de infraestruturas e outros elementos. A prevención é estrutural e cada un debe facer o que debe na súa relación co territorio, incluídos os propietarios. Isto é unha rede que debemos tecer entre todos.
Escribe o teu comentario