O BNG esixe que se protexan os dereitos dos usuarios de aerolíneas en relación ás indemnizacións
"Algunhas das compañías non só ignoran as reclamacións extraxudiciais, senón que cando se dita unha sentenza favorable, obrigan aos afectados a solicitar a execución xudicial para cobrar o que lles corresponde", sinalan desde o BNG
O BNG presentou no Congreso iniciativas dirixidas ao Goberno central co obxectivo de esixir "actuacións contundentes" para garantir os dereitos dos usuarios de compañías aéreas, fronte ás queixas por prácticas abusivas e incumprimentos das obrigacións legais por parte da maioría desas empresas.
Nun comunicado, o deputado do BNG, Néstor Rego, denunciou que os usuarios son "obrigados" a recorrer á vía xudicial para conseguir as indemnizacións que lles corresponden por cancelación ou atrasos de voos, ante a "negativa sistemática das compañías a cumprir coa normativa europea vixente".
Rego explicou que a "falta de resposta" dos servizos de atención ao cliente, as restricións abusivas sobre a equipaxe e o incumprimento do regulamento que establece os dereitos dos pasaxeiros, son algunhas das "principais queixas" presentadas polos afectados ante organismos como Consumo ou a Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA).
"Algunhas das compañías non só ignoran as reclamacións extraxudiciais, senón que cando se dita unha sentenza favorable, obrigan aos afectados a solicitar a execución xudicial para cobrar o que lles corresponde. É unha estratexia deliberada para disuadir aos clientes de exercer os seus dereitos", advertiu Rego.
Escribe o teu comentario