Buscar novas vías de financiamento en Europa, proposta do Eixo Atlántico ás súas cidades
Celebrouse unha xornada en Betanzos con responsables dos programas Horizonte Europa, LIFE e Nova Bauhaus Europea, dirixida ás cidades do Eixo Atlántico
Fronte á idea de que os fondos europeos poderían desaparecer, o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, afirma que nunca desaparecerán: “os fondos europeos son como a materia: nin se crean nin se destrúen, transfórmanse”.
Neste sentido, desde o Eixo Atlántico está a aconsellarse aos concellos asociados que non se limiten unicamente aos fondos tradicionais e que, sen renunciar a eles, aposten por novos programas que contan cunha importante dotación orzamentaria e un forte compoñente de innovación en materia de política urbana.
Programas históricos como LIFE, que redefiniu os seus obxectivos e prioridades no ámbito do medio ambiente urbano e a sustentabilidade; Horizonte Europa, centrado na investigación, a innovación e o desenvolvemento sostible; ou a Nova Bauhaus Europea, que combina a creación de espazos coa inclusión social e a beleza estética, son algunhas das novas apostas da Comisión Europea ás que as cidades do Eixo Atlántico deben concorrer.
Con este obxectivo, celebrouse en Betanzos unha xornada informativa para as cidades do Eixo Atlántico na que os responsables destes tres programas en España e Portugal informaron aos asistentes sobre os seus obxectivos, prioridades e as mellores estratexias para preparar candidaturas exitosas.
A sesión, baixo o título “Innovando ou xeito de pensar vos nosos municipios”, estivo a cargo de Luís Nobre, presidente do Eixo Atlántico; María Barral, alcaldesa de Betanzos; e Xoán Vázquez Mao, secretario xeral do Eixo Atlántico.
Esta xornada enmárcase nunha das liñas de traballo do Eixo Atlántico, centrada en ofrecer información e formación ás cidades, especialmente en ámbitos innovadores, e en propor novas vías que incentiven a participación en convocatorias europeas que, á súa vez, xeren novas oportunidades de financiamento para a mellora do medio ambiente urbano.
Escribe o teu comentario