Desconvocan a folga indefinida no servizo de recollida de lixo de Santiago
O presidente do comité de empresa, Ricardo Méndez, explicou que o acordo é "medianamente satisfactorio" para ambas as partes.
A folga indefinida de Urbaser, concesionaria da limpeza e recollida de lixo en Santiago, foi desconvocada despois de que os traballadores e a empresa chegasen a un acordo.
Os paros, que estaban convocados a partir das 00.00 horas deste sábado, foron cancelados despois da negociación celebrada durante a xornada do venres.
O presidente do comité de empresa, Ricardo Méndez, en declaracións a Europa Press, explicou que o acordo é "medianamente satisfactorio" para ambas as partes.
Desta forma, terán un novo convenio de dous anos, fronte ao catro que propuña a empresa e no que se recollerá un incremento salarial do 2,25% cada ano. Cabe lembrar que os traballadores pedían unha subida salarial do 5% a dous anos e a proposta inicial da empresa era un aumento a catro anos do 0,75% por ano.
No que se refire á conciliación, alcanzaron un acordo polo que os traballadores terán seis días máis de asuntos propios ao ano, polo que pasarán de tres a nove. Ademais, conseguiron manter o complemento por Incapacidade Temporal e a mellora do sistema de contratación.
Pola súa banda, o concelleiro de Servizos Básicos, Xesús Domínguez, valorou o acordo alcanzado como una "moi boa noticia para todos os veciños" e asegurou que o Concello "seguirá velando" polo cumprimento do contrato por parte da empresa e polo "bo servizo" tanto de limpeza como de recollida de residuos.
Así mesmo, lembrou a importancia de que os cidadáns cooperen na separación das diferentes fraccións e na necesidade do aviso previo para a recollida de voluminosos co fin de alcanzar os obxectivos que a UE marca en canto a separación e para alcanzar os "bo servizos que a cidade se merece".
Escribe o teu comentario