Navantia fará en Cádiz parte do traballo vinculado á compra dos estaleiros do Titanic, Harland & Wolff
A empresa pública española logra que o Goberno do Reino Unido expanda un encargo de buques a estes estaleiros -que estaban preto da quebra- antes de compralos. O negocio xa beneficia a Cádiz, onde se cortará a chapa, pero non hai noticias de que chegue carga de traballo a Ferrol. Hai que ter en conta, ademais, que Harland & Wolff ten grandes débedas con empresas industriais británicas, polo que en principio debería apostar por eles para tentar manter unha base de provedores local.
Navantia, a través da súa filial británica Navantia UK, anunciou a adquisición dos estaleiros Harland & Wolff (H&W), responsables históricos do Titanic. Esta operación abarca os catro centros de traballo de H&W, situados en Belfast (Irlanda do Norte), Appledore (Inglaterra) e Methil e Arnish (Escocia). O movemento estratéxico reforza a presenza da compañía pública española no mercado naval británico e supón, en certa medida, un recoñecemento ao poder da industria naval militar española.
O acordo, pactado en decembro co aval do goberno británico para protexer 1.000 postos, culmina tras meses de incerteza financeira de H&W, que entrou en administración concursal en setembro.
O contrato terá un impacto directo en España: o estaleiro de Puerto Real (Cádiz) realizará o corte de chapa dos buques leet Solid Support (FSS) para a armada británica, segundo a prensa andaluza, xerando 1.600 empregos directos e indirectos. A produción comezará en 2025, con entrega prevista para 2032. Non hai noticia de que por agora as instalacións de Fene na Ría de Ferrol vaian recibir carga de traballo.
A transacción, que pon fin ao proceso de administración concursal iniciado por H&W en setembro de 2023, asegura a continuidade dos contratos crave do estaleiro británico, como o programa Fleet Solid Support (FSS). Este proxecto implica a construción de tres buques de apoio para a Royal Navy e está valorado en case 2.000 millóns de euros.
Navantia asegurouse antes de chegar a un acordo en decembro que o Goberno Británico expandise o seu programa de FSS. Con todo, nas últimas horas Wetminister tentou quitarlle ferro ao asunto, indicando que é unha expansión menor e destacando, en todo caso, que coa operación garántese preservar o emprego e a capacidade británica para constuir navíos de guerra.
A noticia foi ben recibida polo persoal británico. O sindicato GMB valorou positivamente a estabilidade que brinda esta adquisición, aínda que con cautela. Matt Roberts, representante do sindicato GMB, sinalou na BBC que "Os empregados respiran aliviados baixo unha propiedade estable". No entanto, advertiu: "Sen un fluxo constante de proxectos, os estaleiros seguirán en dificultades".
Pola súa banda, algúns provedores expresaron críticas ante as consecuencias económicas derivadas da quebra de H&W. Un empresario de Belfast citado por Financial Times denuncia perdas acumuladas de 22 millóns de libras no sector e describiu a situación como un "David contra Goliat", en referencia ao impacto desigual nas pequenas empresas fronte aos grandes contratistas.
Russell Downs, experto en reestruturacións citado polo e xornal británcio, confirmou en decembro que o acordo implicaría perdas para acredores e provedores.
Consciente do politicamente sensitivo do asunto, Navantia subliñou o seu compromiso de revitalizar a industria local en Reino Unido, con plans para desenvolver un “ecosistema industrial saudable” que beneficie aos provedores e reforce as capacidades dos estaleiros adquiridos. Ademais, o presidente da compañía, Ricardo Domínguez, destacou que esta operación é un “activo estratéxico” que combina a experiencia global de Navantia coa traxectoria histórica de H&W. Nas as bancadas de Belfast, por exemplo, construíuse o Titanic entre 1910 e 1912.
A pesar de contar con respaldo de fondos británicos, Harland & Wolff acumulou perdas de 51 millóns en 2023, segundo Economía Dixital Galicia. A súa case quebra levou a Navantia a intervir para asegurar o contrato FSS -no que xa eran socios británicos e españois-.
Mentres o goberno británico salienta o reforzo á capacidade naval nacional, a transición non está exenta de tensións. Navantia afronta o reto de estabilizar os estaleiros herdados e reconstruír a confianza dunha cadea de subministración fracturada.
Con todo, coa produción dos tres buques FSS programada para comezar en 2025 e os navíos operativos en 2032, este contrato internacional perfílase como un dos máis importantes na historia de Navantia. A expansión do estaleiro público de España chega ademais, nun contexto prebélico en Europa, o que se supón acabará por estimular os encargos dos gobernos aos estaleiros militares, sector onde España e Galicia teñen unha posición destacada e, en teoría, agora máis forte.
Os tres buques de apoio loxístico Fleet Solid Support (FSS), que Harland & Wolff (H&W) construirá en colaboración con Navantia UK, están deseñados para garantir a operatividade do Carrier Strike Group, o núcleo da capacidade militar marítima do Reino Unido. A súa función principal será abastecer aos portaavións británicos, como o HMS Queen Elizabeth e o HMS Prince of Wales, transportando subministracións críticas: combustible, munición, repostos e provisións.
Estímase que cada buque terá unha capacidade de carga de entre 20.000 e 30.000 toneladas, suficiente para abastecer aos modernos portaavións da clase Queen Elizabeth e outras embarcacións de apoio.
Incorporarán sistemas de transferencia en alta mar de última xeración, o que permitirá realizar operacións loxísticas seguras e rápidas mesmo en condicións meteorolóxicas adversas. Ademais, estarán equipados con tecnoloxía para protexer de ameazas, como sensores avanzados e sistemas de defensa activa.
Até agora, nin Navantia nin o goberno británico han revelado especificacións técnicas exactas dos buques —como eslora, tonelaxe ou sistemas de propulsión—, aínda que se enmarcan en estándar da OTAN para operar xunto a portaavións. O seu deseño priorizará capacidade de carga, autonomía e compatibilidade con sistemas de defensa modernos.
Escribe o teu comentario