Gadis, entre as empresas máis responsables do seu sector en España
Supermercados Gadis ocupa o 7º posto no ranking sectorial do informe Merco Responsabilidade ESG España 2024, que avalía o desempeño medioambiental, social e de gobernanza corporativa das empresas en España. A compañía é a única cadea galega de alimentación e distribución que figura no top 10 desta listaxe.
A inclusión de Gadis neste ranking destaca o seu enfoque na sustentabilidade, sinala a empresa. O informe Merco, que chega ao seu 14ª edición, analiza factores como o compromiso medioambiental, a xestión do talento humano, a relación con clientes e sociedade, así como a transparencia e o bo goberno corporativo.
Este estudo baséase en 26 fontes de información e 63.786 enquisas realizadas a directivos, expertos en responsabilidade social corporativa (RSC), analistas financeiros, xornalistas e consumidores, entre outros.
Apoio á economía local
Gadis colabora con máis de 2.500 provedores en Galicia e Castela e León, dos cales 1.017 pertencen ao sector alimentario. Este modelo fomenta a sustentabilidade socioeconómica, xerando emprego e axudando a fixar poboación en áreas rurais e urbanas. Ademais, reforza as relacións con provedores locais, favorecendo o seu desenvolvemento a longo prazo.
A cadea tamén asegura que traballa na redución do desperdicio alimentario, o fomento do consumo responsable e a minimización do uso de plásticos. O seu enfoque nos produtos frescos e a atención personalizada busca beneficiar tanto á sociedade como ao medioambiente.
O informe Merco como referencia
O informe Merco Responsabilidade ESG consolidouse como unha ferramenta destacada para avaliar a reputación e o compromiso sostible das empresas en España. A presenza de Gadis neste ranking subliña a súa posición dentro do sector da distribución alimentaria e o seu compromiso cun modelo de negocio sostible.
Escribe o teu comentario