Morre subido a unha árbore un traballador forestal en Aguasantas, Cerdedo-Cotobade (Pontevedra)
Un veciño de Viascón, de 47 anos, faleceu esta mañá mentres traballaba no monte. Os seus compañeiros indican que se desvaneceu cando estaba subido a unha árbore. A autopsia determinará si faleceu por causas naturais, como un derrame ou un infarto, ou tivo algo que ver coa súa tarefa.
Un home faleceu mentres realizaba labores forestais no municipio pontevedrés de Cerdedo-Cotobade na mañá deste martes.
Segundo informa o 112 Galicia, pasadas as 12,30 horas, un particular alertou de que un home quedara inconsciente mentres realizaba labores no monte, no lugar de Aguasantas, en Cerdedo-Cotobade.
O afectado atopábase subido a unha árbore, pero os seus compañeiros lograron baixalo ao solo. No entanto, a situación complicouse debido ao difícil acceso á zona.
O 112 Galicia solicitou a intervención do 061, que enviou o helicóptero medicalizado con base en Santiago, así como da Garda Civil e dos voluntarios de Protección Civil de Cerdedo-Cotobade.
Xa no lugar, os membros de Protección Civil advertiron que o acceso ao implicado era complexo e que sería necesario empregar medios adicionais para o traslado até os vehículos medicalizados. A pesar dos esforzos realizados, o equipo sanitario só puido confirmar o falecemento do home. As forzas da orde traballan para esclarecer os feitos.
Escribe o teu comentario