SOGAMA denuncia serios problemas ante as continuas incidencias no servizo de Renfe/ADIF

SOGAMA lembra que o 57% dos residuos xestionados por esta empresa pública transpórtanse por tren nunha clara aposta da entidade por un medio máis respectuoso co medio ambiente.


|

Transporte de residuos por tren a cargo de Sogama
Transporte de residuos por tren a cargo de Sogama


 

Ao longo deste ano 2024, as incidencias no servizo prestado por RENFE/#ADIF no transporte de residuos non deixaron de suceder, provocando serios problemas a Sogama e aos concellos.

 

Neste sentido, cabe lembrar que o 57% dos residuos xestionados por esta empresa pública transpórtanse por tren nunha clara aposta da entidade por un medio máis respectuoso co medio ambiente. No entanto, os problemas operativos e loxísticos da operadora, non só non se solucionaron, senón que mesmo se incrementaron.

 

Xa o pasado mes de agosto, o presidente da Sociedade, Javier Domínguez Lino, dirixiu un escrito aos responsables do servizo de transporte de residuos por ferrocarril para manifestar o seu malestar polos constantes incumprimentos no mesmo, ocasionando graves problemas na actividade das plantas de transferencia e nos labores de recollida de lixo por parte dos concellos ao ver dilatados de forma desproporcionada os tempos de espera para realizar as descargas nas instalacións.
 

Na misiva, Domínguez Lino daba conta de máis dunha trintena de incidencias que afectaron os trens de mercadorías de Lugo, Taboadela e Vigo, e esixía a RENFE o estrito cumprimento dos termos do contrato, lembrando as garantías do plan de horarios, esencial para o correcto desempeño do servizo público prestado por Sogama aos 295 concellos adheridos ao seu sistema (máis de 2,2 millóns de habitantes), así como de corrección de anomalías que derivaron en atrasos, problemas loxísticos, retardación da loxística e unha presión sen precedentes na infraestrutura industrial da empresa. A todo isto súmanse as molestias e custos para os entes locais.
 

INCUMPRIMENTOS E DESINFORMACIÓN

 

A mediados de setembro, o presidente mantivo unha reunión con portavoces de RENFE para que estas incidencias fosen solucionadas coa maior prontitude, compromiso que asumiron, pero que non foi cumprido, xa que durante este mes de outubro, non só tiveron continuidade, senón que se viron incrementadas, chegando a contabilizar, en tan só 25 días, máis dunha vintena.

 

Ademais de todo isto, nin sequera RENFE encárgase de informar a Sogama das mesmas, senón que esta ten coñecemento a partir de avisos de terceiros, de chamadas das terminais de destino ou dos traballadores do Complexo Ambiental de Cerceda.

 

A Sociedade Galega do Medio Ambiente fai un novo chamamento á Rede Nacional de Ferrocarrís Españois e advirte que, de non ser atendidas as súas solicitudes, adoptará as medidas oportunas.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE