A mecha galega da protesta contra Stellantis polos motores Puretech prende e organízanse marchas por toda España
Vigo, onde a multinacional ten a súa fábrica máis grande da Península, foi o primeiro lugar onde se xuntaron os prexudicados. Agora a Asociación de Afectados por Stellantis (Afestel) anunciou protestas en Barcelona, Sevilla, Zaragoza e outras localidades.
A Asociación de Afectados por Stellantis (Afestel) anunciou unha serie de manifestacións en diversas cidades de España a partir de novembro, en protesta pola falta de resposta do fabricante automobilístico ante os problemas nos motores Puretech. Os manifestantes, que xa se concentraron na sede central de Stellantis en Vigo o pasado 5 de outubro, esixen que a compañía recoñeza o defecto de fábrica, retire os vehículos para despezamento e reembolse os custos de reparacións e mantementos "excesivos".
O pasado sábado 5 de outubro, a primeira destas protestas tivo lugar fronte á fábrica de Stellantis en Vigo. Os manifestantes, procedentes de diferentes partes do país, realizaron unha "marcha lenta" para visibilizar a súa situación. Yerba Luca de Tena, presidente de Afestel, explicou que o obxectivo é que "se nos escoite" e que a empresa recoñeza os fallos nestes motores de gasolina de 3 cilindros.
O fallo dos motores Puretech, utilizado en vehículos de marcas como Opel, Peugeot, Citroën, DS, Jeep e Toyota, consiste nunha "degradación paulatina" da correa de distribución, que provoca un elevado consumo de aceite, mal funcionamento da bomba sen carga e outros "graves fallos" que, segundo os afectados, acaban causando un desgaste prematuro do motor. Esta problemática identificouse por primeira vez en 2020 en vehículos comercializados desde 2014.
Yerba Luca de Tena, presidente de Afestel, criticou a postura de Stellantis, afirmando que a compañía "só busca gañar tempo" coa intención de esgotar a paciencia dos afectados. “Dino para gañar tempo e aburrirnos”, sinalou en referencia á única reunión mantida cos portavoces dos afectados, que tivo lugar o pasado setembro e da cal, segundo a asociación, non xurdiu ningún compromiso concreto por parte da empresa. Stellantis limitouse a manifestar a súa intención de buscar unha "solución global", aínda que non ofreceu detalles sobre medidas específicas.
En Cataluña, atópase o maior número de vehículos afectados, con preto de 80.000 unidades en Barcelona, onde levará a cabo a primeira manifestación desta nova serie de protestas, o próximo 9 de novembro. As mobilizacións continuarán en Sevilla o 23 de novembro e en Zaragoza en decembro, onde se sitúa unha planta de produción de Stellantis. A última concentración prevista este ano realizarase en Madrid o 21 de decembro.
Afestel estima que só en Galicia hai uns 19.000 vehículos afectados por este problema. A nivel nacional, a cifra podería ser moito maior, abarcando modelos de marcas como Citroën, Peugeot, Opel, DS, Jeep e Toyota.
A magnitude do problema afecto a un total de 765.000 vehículos en España e máis de catro millóns en toda Europa. Afestel reclama unha resposta efectiva ante o que cualifican como un "drama" para miles de condutores que tiveron que enfrontar custos de reparación elevados e unha falta de solucións claras.
Pola súa banda, Stellantis recoñeceu a existencia do problema e anunciou unha extensión da garantía posventa para os vehículos equipados con estes motores. A compañía ofrece unha cobertura adicional de até 175.000 quilómetros para os vehículos matriculados entre abril de 2014 e xuño de 2022.
Os afectados consideran que esta medida é insuficiente e esixen unha solución máis ampla e definitiva. Afestel anunciou que continuará coas manifestacións noutras cidades españolas nas próximas semanas.
Escribe o teu comentario