Só o PPdeG defende a Altri no Pazo do Hórreo, onde a oposición tacha a planta de "proxecto político"

O BNG acusa á Xunta de dar "barra libre" á compañía e o PSdeG afea que "o PP fixo de Altri un proxecto político"


|

Os votos en contra de BNG e Democracia Ourensá, ademais da abstención do PSdeG, deixan aos populares como o único grupo a favor do proxecto en Pas. 

 

"Por que hipotecan o futuro da Ulloa e toda Galicia?", preguntan desde o BNG, que acusan ao PP de apoiar a chegada dunha macrocelulosa.

 

Comisión de Industria
Foto: EP


O PPdeG quedouse só no Parlamento galego en defensa da futura fábrica de Altri en Pas (Lugo) cunha iniciativa que insta á Xunta a dar prioridade ao proxecto "sempre garantindo o cumprimento da máis estrita normativa medioambiental". BNG e Democracia Ourensá votaron en contra, á vez que o PSdeG se abstivo.

Esta proposta do PPdeG sostén que o proxecto de Altri "supón unha oportunidade para xerar riqueza e emprego cualificado" e pide que o Goberno concrete apoios de fondos europeos "coa maior celeridade posible", ademais de demandar a construción dunha subestación eléctrica, entre outras cuestións.

Na Comisión de Industria, Cristina Sanz (PPdeG) cargou contra a oposición polo que considera posición cambiante acerca deste proxecto. Lembra que en febreiro de 2022 houbo un acordo unánime na Cámara no que se instaba á Xunta a dar prioridade a esta iniciativa.

Así, reproba os "bandazos" do PSdeG, sobre o que di "non saber si están a favor ou en contra", á vez que pide ao BNG que "non minta" sobre a planta. A deputada popular alerta dunha "batería desinformación", "bulos" e "fake news" acerca da fábrica.

 

CRÍTICAS DA OPOSICIÓN

Durante o debate, Iria Carreira (#BNG) responsabilizou á Xunta de pór "alfombra vermella e barra libre" a Altri, unha empresa que "non é sostible" e que vai "deteriorar" o río Ulla e a ría de Arousa, unido a "destruír" postos de traballo sostibles.

Reproba que os populares "pintan un mundo de cor de rosa" con esta iniciativa en defensa dunha "megacelulosa" que é "altamente dependente" do eucalipto. "Por que hipotecan o futuro da Ulloa e toda Galicia?", cuestiona a nacionalista.

Pola súa banda, Patricia Igrexas (#PSdeG) recrimina que "o PP fixo de Altri un proxecto político" e "collérono como bandeira electoral", "por iso deben dar explicacións políticas". Defende a emenda de substitución presentada polos socialistas porque "non todo é branco ou negro", ademais de pór en valor a "preocupación polo medio ambiente" do PSdeG.

 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE