Condenan a 10 anos de prisión aos atracadores do Corte Inglés que agrediron ao persoal de seguridade

Tentativa de roubo con violencia, agresión ou un roubo de uso de vehículo a motor son algúns dos delitos polos que foron condenados os investigados.


|

El corte ingl
O Corte Inglés

 

O 17 de xaneiro de 2023 tivo lugar unha serie de roubos con dous protagonistas á fronte destas subtraccións sobre a que agora se pronunciou a Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (#TSXG) e que condena aos dous ladróns a unha pena de dez anos e medio de cárcere a cada un deles polos atracos perpetrados, o furto dun vehículo e a agresión ao persoal de seguridade do Corte Inglés da Coruña, entre outros delitos. 

 

SECUENCIA DOS FEITOS

Os feitos remóntanse a fai máis dun ano, cando os procesados roubaron un coche en Oleiros e iniciaron a súa ruta de golpes. A súa primeira parada foi O Corte Inglés da Coruña, onde accederon tapados: un cunha bolsa na cabeza; outro con lentes de sol, gorro e unha braga ao pescozo. Xa nos grandes almacéns, un deles achegouse ao auxiliar de seguridade e asperxeuno na cara "cun spray de pementa ou semellante", di o auto, que referenda o fallo inicial emitido pola Audiencia Provincial da Coruña.

 

Tras isto, o outro individuo utilizou un extintor para provocar fume na zona a fin de evitar que as cámaras de seguridade filmasen o que ocorría e crear confusión. Nese ambiente, trataron de roubar na tenda, sen éxito, grazas á intervención dun vixiante de seguridade da empresa.

 

Despois dese roubo frustrado, os procesados fuxiron da Coruña en coche, dirección ao Centro Comercial As Termas, en Lugo, de onde levaron a caixa rexistradora dun Burger King. Nesta nova escapada, un coche de policía decatouse do ocorrido e iniciouse unha persecución pola A-6 dirección Madrid. "Conduciron a gran velocidade, a pesar das circunstancias climatolóxicas adversas, ata que, sobre as 23:30 horas do mesmo día, no punto quilométrico 473 tiveron un accidente", explica a Sala no auto. Aínda que abandonaron o lugar do sinistro, foron detidos ao día seguinte.  

 

ALEGACIÓNS E CONDENA

Ante este relato, os maxistrados rexeitan que se quebrantasen as normas e garantías procesuais, tal e como indicaba o recurso dos condenados, xa que cren que é "indubidable" que cando foron fotografados na vía pública eran xa investigados "porque estaban a ser certamente obxecto dunha incipiente investigación, ao existir boas razóns para iso nunha fase preprocesal, onde non poderían ostentar aínda a condición que se pretende pola defensa". As outras alegacións, como a de erro na valoración das probas ou a vulneración do principio de presunción de inocencia, tamén foron despachadas polo alto tribunal galego.

Desta forma, o TSXG confirma a condena a dez anos e medio de cadea polo delito de roubo de uso de vehículo a motor -con agravante de reincidencia-, tentativa dun delito de roubo con violencia ou intimidación en establecemento aberto ao público con uso de armas ou instrumentos perigoso -con agravantes de reincidencia e uso de disfrace-, dous delitos leves de lesións e un delito de roubo con forza en establecemento aberto ao público. Polos delitos de lesións, ademais, impónselles unha sanción económica. 

De igual maneira, a pena incorpora a prohibición de aproximar ao Corte Inglés de Ramón e Cajal durante un período de catro anos e medio. Ao tempo, cabe precisar que a un dos condenados procesoullo tamén como autor dun delito de uso ilexítimo dun documento de identidade auténtico, pero alleo. Por este delito fóronlle engadidos outros seis meses de cárcere.

 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE