Prensa dixital, impresa e radio son os medios máis fiables para os galegos, segundo un novo estudo
O "maior estudo sobre os medios de comunicación tras a pandemia" mostra que os galegos, en termos xerais, non confía nos medios de comunicación -sobre todo nos novos, como as redes sociais- a pesar de ser plenamente conscientes do seu papel crave para garantir unha sociedade libre. Son datos datos recolleitos por Metroscopia, o Foro Xornalismo 2030 e a Fundación AXA que forman parte de estudo demoscópico ‘Os medios, en Galicia e en España’.
A maioría dos galegos cre que os medios de comunicación de España nunca son libres e independentes ou, polo menos, non o son a maior parte das veces. Esta é unha das conclusións que se pode sacar do estudo demoscópico ‘Os medios, en Galicia e en España’, presentando esta mañá na Universidade de Santiago de Compostela.
En xeral, o estudo debuxa unha opinión pública galega consciente da importancia dunha prensa libre para a democracia, pero desconfiada co rol dos medios.
ESCUDO FRONTE Aos PODEROSOS
Por exemplo, tan só unha ínfima minoría, o 3%, dos galegos rexeita a afirmación "para que unha sociedade sexa realmente libre e democrática é necesario que existan medios de comunicación de calidade, libres e independentes". Ademais, practicamente todos os enquisados sinalan que a prensa é clave para " detectar e controlar os erros ou abusos de órganos ou institucións poderosos, xa sexan públicos ou privados".
Cumpren os medios de comunicación con tan altas expectativas? Polo visto nesta enquisa, non. Polo menos non para a maioría dos galegos.
DESCONFIANZA NO XORNALISMO
A penas un 40% móstrase de acordo ou moi de acordo coa afirmación "os medios de comunicación ofrecen, en xeral, unha visión veraz e fiable da vida política e social". A porcentaxe dos galegos que confía en que "os medios informativos españois son realmente libres e independentes" tamén rolda o 40%.
Agora ben, non todos os medios proporcionan a mesma confianza. Os medios tradicionais son, en termos xerais, considerados máis fiables que novos formatos como as redes sociais, os podcasts ou as cadeas de mensaxes en móbiles.
Por exemplo, a porcentaxe de galegos que di ter moita ou bastante confianza no que le nas redes sociais rolda o 25%. Fronte a isto, a proporción que di ter moita ou bastante confianza nos diarios dixitais rolda o 60% e a radio e a pensa en papel mesmo mesmo supera eset porcentaxe.
En termos xerais, o grao de confianza que outorgan os galegos a cada medio de comunicación non dista moito dos datos provenientes do conxunto do Estado.

DIFERENZAS POR EDADADES
Existe unha importante brecha xeneracional no uso dos novos medios e na valoración dos mesmos: os máis novos tenden a informar polas redes, nas que confían moito máis que os seus maiores.
Un 41 por cento dos galegos usa TikTok (un 57 non o utiliza nunca) e apenas un 23 por cento utiliza Twitch. Un 39 por cento cre que as redes son unha fonte de información “realmente fiable” fronte ao 34 por cento que non o cree así. Un 59 por cento dos enquisados entre 18 e 29 anos mostra gran confianza nas redes, mentres que esta porcentaxe descende ao 28 por cento no caso dos maiores de 65 anos.
No que si se aprecian diferenzas entre Galicia e España é no peso da prensa escrita. No país conserva máis peso que no conxunto estatal. ""Existe unha notable distancia no que se refire á lectura de xornais de papel, que é a principal fonte de información para o 46 por cento fronte ao 33 por cento a nivel nacional. A existencia de xornais de ampla tradición, centenarios, cun importante raizame entre as poboacións en todas as provincias galegas, ten sen dúbida non pouco que ver con este fenómeno", interpretan os autores do estudo.
CREMOS QUE NON NOS DEIXAMOS ENGANAR
Curiosamente, a pesar da visión crítica dos medios que se desprende o estudo, a inmensa maioría dos enquisados defínese como ben informado. Os que recoñecen sentir pouco ou nada informados non chegan ao 12%.
É dicir, a pesar de ser consciente de vivir nunha contorna mediática onde abundan as manipulacións, a inmensa maioría do pobo vese capaz de distinguir e sacar as súas propias conclusións.
FICHA TÉCNICA
Até que punto son fiables os datos deste estudo, cuxos autores definen como o máis importante en España tras a pandemia? A mostra non é especialmente grande -os datos referidos a Galicia son produto de 300 enquisas e os referidos a España proveñen de 5.000- pero entre os promotores da enquisa está unha das empresas con máis prestixio en sondaxes no Estado, Metroscopia.

Os outros dous promotores son o Foro Xornalismo, que se define como "un foro independente, á marxe de calquera adscrición, integrado por xornalistas de todos os puntos de España" e a Fundación AXA, vinculada á compañía de seguros do mesmo nome.
Escribe o teu comentario