A Secretaria de Estado de Transportes afirma que os trens Avril "non van chegar" a Galicia este ano
Pardo de Beira explicou que o atraso na chegada dos Avril débese a "unha demora en contruir os trens"
A secretaria de Estado de Transportes, Isabel Pardo de Beira, informou de que os trens Avril comprometidos polo Goberno para levar a alta velocidade á cidades galegas "non van chegar" en 2022, ao acumular un atraso por parte de Talgo, o fabricante.
"A este 2022 non van chegar, efectivamente. Con toda a documentación e a homologación o que fixen é contrastar coa Axencia Estatal de Seguridade, que é a que ten que dar os permisos, e facendo os cálculos non chega. Esperemos que non se afaste moito, uns meses", destacou a secretaria de Estado durante unha visita ao municipio coruñés de Ames.
Pardo de Beira explicou que "o problema de fondo" vén de "a demora en construír os trens" e asegurou estar a facer un "seguimento" desde a secretaría de estado.
Constatou que "é un prototipo inédito e require unhas probas de seguridade que son as que son e ata que Talgo cumpra non se vai a aprobar", antes de incidir en que "se se empezaron a fabricar en 2017 e non se tiraron dous anos e algo para empezar o problema non estaría na homologación", que é o proceso que se aborda agora.
Pardo de Beira apuntou que o próximo 5 de outubro está convocada unha nova reunión técnica e subliñou o seu compromiso para que os trens estean "canto antes, nos próximos meses", á marxe de discusións entre Renfe e Talgo.
En calquera caso engadiu que sente, pero que, con todo, "os problemas non se atallan nun ano" e neste caso, insistiu, "veñen de atrás". "No tema de alta velocidade non creo que deba eu ser cuestionada", apostilou.
Noutra visita a Santiago reiterou que se está facendo "un seguimento" e existe "coordinación coa Axencia Estatal de Seguridade" para que indique "cando poden estar" homologados os trens, para non contar "só" con "o compromiso de Talgo".
Escribe o teu comentario