Jessica Bouzas, a cincenta matagigantes, honra a Rafa Nadal en Roland Garros cunha vitoria de campioa
A de Vilagarcía, como xa fixo o ano pasado en Wimbledon e o US Open, sorprendeu en París ao gañar ao número 9 do mundo.
Jessica Bouzas converteuse nunha auténtica dor de muelas para as grandes aspirantes no catro grandes do Grand Slam de tenis. A tenista galega de 22 anos foi progresando no seu tenis e terminou o ano pasado ao bordo de coar no TOP-50 mundial. Hoxe, aínda que no número 68, o seu nome segue soando con forza en cada gran evento, pois a de Vilagarcía de Arousa garante emoción e sorpresas, como a que deu en Roland Garros este luns.
Á ALTURA DE SERENA WILLIAMS E STEFFI GRAD
En Wimbledon e no US Open a galega deu a badalada con partidos memorables ante Marketa Vondrousova, que chegaba á catedral do tenis como vixente campioa, e a Katie Boutler, cabeza de serie no certame estadounidense. Hoxe volveu a dar a sorpresa con outra vitoria de campionato, honrando co seu tenis ao legado de Rafa Nadal en París, homenaxeado na pista central do Roland Garros, a Philippe Chatrier, o pasado fin de semana.
Emma Navarro, número 9 do mundo, chegaba á pista Suzanne Lenglen confiada pola gran diferenza existente no ranking. Na súa folla de servizo están unhas semis en Estados Unidos, a súa casa, mentres que Bouzas aínda non saboreou eses postos tan altos. Con todo, a diferenza na táboa non se viu na pista, cunha arousá imperial que despachou o partido cun 6-1 e 6-0, deixando sen opcións a Navarro en menos dunha hora de partido.
O resultado eleva a Bouzas á altura de Serena Williams e Steffi Graf, as únicas capaces de vencer con esa contudencia a unha tenista do TOP-10 nos últimos 40 anos do torneo francés. Un primeiro paso para deixar a súa pegada na terra e demostrar que vén pisando moi forte.
Escribe o teu comentario