Os goles de Miguel Rodríguez poden facer a Lucas Pérez campión de liga nos Países Baixos
O ex do Deportivo da Coruña, que está a superar unha tuberculose, pode proclamar campión da Eredivisie. Un ex do Celta ten parte de culpa.
Quen lle ía a dicir a Lucas Pérez en agosto cando preparaba a pretemporada coa súa Dépor que en maio podía estar a piques de ser campión de liga...en Eindhoven! A do dianteiro coruñés é unha desas historias que deixa de cando en cando o fútbol e que, de súpeto, aos 36 anos, permite a un futbolista a piques de xubilar conquistar o seu primeiro título ligueiro. O máis curioso é que foi outro galego, Miguel Rodríguez, saído da canteira do eterno rival, o responable, en gran medida, de que agora Lucas Pérez acariñe a Eredivisie.
SEN OPCIÓNS DE TÍTULO...
A noticia de que Lucas Péres quería abandonar o Deportivo da Coruña sorprendeu a todos en xaneiro, cando declarou que, por motivos persoais -aínda que deixando entrever algunha que outra brecha coa dirección do cadro herculino-, prefería romper a súa vinculación co club da súa vida nesta terceira etapa como branquiazul. Todos especulaban con que ficharía por un equipo madrileño para estar máis preto da súa familia, pero o maior xiro de acontecementos chegou en febreiro, co mercado pecho e cun PSV Eindhoven que quería facer co veterano dianteiro para reforzar o seu ataque.
En cuestión dun mes pasou de competir en Segunda División a estar nun equipo de Champions. O PSV caeu en Europa a mans doutro ex de Lucas, o Arsenal -equipo co que conquistou a FA Cup e a Community Shield, os seus dous únicos cordóns-, e tirou a Copa de forma sorprendente, polo que parecía que as posibilidades de gañar un título desvanecíanse nun equipo que se atopaba moi lonxe do alto da táboa.
Todo empeorou cando a Lucas diagnostícanlle unha tuberculose que o obriga a deixar de adestrar. En total, tres partidos cos de Eidoven e menos de media hora vestido de curto. Tres derrotas -as dúas contra o Go Ahead Eagles, unha delas no torneo do K.O. que acabaría levantando o verdugo do PSV- e un cuarto de hora contra o RKC Waalwijk nunha vitoria cómoda por 0-3. Todo parecía indicar que o ano terminaría en branco.
...ATA QUE CHEGOU MIGUEL
Sen o galego, o PSV deu un xiro: unha derrota tras o seu adeus ante o Ajax e seis vitorias consecutivas que o levantaron ao alto da táboa. E é que o Ajax, até entón dominador da liga, leva catro partidos seguidos sen gañar. A desfeita dos de Amsterdam comezou cando se mediu ao Utrecht de Miguel Rodríguez. Co exceltiña de doce, o Ajax sufriu un contundente 0-4 con dobrete do de Redondela, para entón xa firme candidato a ser elixido xogador do mes.
O seguinte xa foi un tropezón tras outro: igualada ante o Sparta, derrota bochornosa ante o NEC e un dolorosísimo empate ante o Groningen o pasado fin de semana, que lle rabuñou dous puntos cun gol no minuto 99, deixando ao Ajax cunha conta de dous puntos de doce posibles, mentres que o PSV celebraba un pleno de vitorias.
Agora, o PSV é líder cun punto de vantaxe a falta de só unha xornada. O Ajax mídese ao Twente, sexto clasificado na pelexa por un posto na Conference League, e o PSV fai o propio contra o Sparta, que agora mesmo atópase en terra de ninguén e con case ningunha opción de pelexar por un posto no palyoff á Conference. Un triunfo máis e Lucas Pérez sumará un título que non podía esperar ao empezar a tempada. E todo coa inestimable axuda dun teórico inimigo como Miguel Rodríguez. O fútbol ten estas cousas; que cousas ten o fútbol...
Escribe o teu comentario