Lucas Vázquez, o galego máis laureado da historia do fútbol, ten xa pé e medio fóra do Real Madrid
O de Curtis entra dentro da operación saída do club branco, que despedirá a unha lenda da entidade que cumprirá 34 anos en xullo.
Cinco Champions League, catro supercopas de Europa, catro mundialitos, catro ligas, unha Copa do Rei, catro supercopas de España.... Non é o palmarés dun gran club europeo, senón que é unha ollada á sala de trofeos que ten Lucas Vázquez na súa casa. O de Curtis é o futbolista galego máis laureado da historia e un dos xogadores con máis títulos de España. Aos seus 33 anos segue sendo importante no Real Madrid, o club da súa vida, pero as súas prestacións esta tempada deixaron moito que desexar e nun momento de transición na Casa Branca, os veteranos parece que enfilarán a porta de saída este verán, sendo o de Lucas un dos obrigados a dicir adeus.
Non é a despedida soñada polo galego, que sempre demostrou unha profesionalidade por encima de toda dúbida. O seu adeus parece que terá lugar este verán, queda por saber se antes ou durante o mundial de clubs. A decisión irá acorde a como termine a campaña o Madrid e o número de efectivos dos que dispoña a entidade de aquí ao 30 de xuño, momento no que Vázquez termina a súa vinculación cos brancos xusto antes de cumprir 34 anos o 1 de xullo. O seu remplazo, apuntan varias voces, será Trent Alexander-Arnold.
UN DESTINO NA liga?
As lesións na retagarda permitíronlle ser titular este ano case por decreto, pueso sen Carvajal non hai outro xogador que poida ocupar esa demarcación, a pesar de que o propio Lucas Vázquez viu reconvertida a súa posición hai anos para facer un oco nas rotacións. Con todo, cunha liña defensiva decircunstancias case todo o ano -sen Carvajal, sen Militao, case todo o ano sen Alaba, coas lesións recorrentes de Mendy...-, o galego foi un dos máis sinalados pola bancada no desastroso ano do Madrid, culminando coa derrota na final de Copa, onde acabou expulsado.
Por sorte para el, a sanción, de dous partidos, teraa que cumprir no torneo do K.O. e estará dispoñible este fin de semana en liga. A Lucas Vázquez queda só unha bala para engordar a súa lista de premios e todo pasa por conquistar unha liga que nestes momentos parece inalcanzable para o Madrid, co Barça a catro puntos e co Clásico por disputar en casa dos azulgranas.
Máis aló do que resta de competición, o futuro de Lucas Vázquez é unha incógnita, pero xa llo relacionou co Sevilla ou con clubs do estranxeiro, podendo embarcar nunha aventura en Oriente Próximo como fixo o verán pasado outro galego como Joselu, que deixou o Madrid tras conquistar unha nova Orejona. Vaia onde vaia, necesitará unha maleta ben grande para meter todos os recordos e medallas que se gañou en Chamartín.
Escribe o teu comentario