Paixón pola montaña: apuntamentos antes de comezar a subir
A escalada, o trail running, sendeirismo e outras actividades relacionadas coa montaña e espazos libres están moi de moda. Aínda que algunhas destas actividades poidan parecer sinxelas, o certo é que expertos na materia aconsellan iniciar en escolas ou clubs especializados. O obxectivo é tomando confianza ata que se aprenda a coñecer ben a contorna por onde nos moveremos
O pasado día 8 de febreiro falecía un montañeiro vigués en Pena Ubiña, León, tras un accidente nesta montaña. Pertencía ao club Montañeiros Celta e tiña experiencia neste tipo de subidas, pero o mal tempo e a mala sorte xogaron en contra con fatais consecuencias. Aínda así, as actividades como a escalada en Galicia son consideradas seguras porque a maioría de clubs ofrecen formación previa aos seus asociados e asociadas. De todos os xeitos, sempre hai quen se arrisca a enfrontar a unha contorna oscilante como é a montaña sen seguir ningún consello de expertos e sen saber que existe unha lexislación deportiva, que as federacións poden cubrir con seguros aos seus federados e que hai autonomías que cobran taxas por rescate dependendo das circunstancias.
MONTAÑISMO
A Federación Galega de Montañismo (FEDGALMON), segundo o seu presidente, José Manuel Pérez Prego, sinala que este organismo inclúe baixo o seu paraugas actividades que van desde a escalada, pasando por carreiras en montaña ou descenso de barrancos. En tal caso, calquera destas especialidades necesitan dunha boa preparación, como di Adrián Carreira, xerente do rocódromo de Lugo resalta a importancia de acondicionar ben a mobilidade con especial énfase no coidado das articulacións.
No caso galego, as persoas que se federan proceden de clubs con escolas deportivas para iniciar e ir acumulando experiencia na montaña. Adrián Carreira recomenda asesorar ben, non só por Internet, senón a través dun club de montaña con acceso a un rocódromo e con persoas que instrúan á persoa interesada ademais de que así o fai nunha contorna segura
A FEDGALMON ofrece cursos para niveis medios e de alto rendemento, estes últimos para mellorar as técnicas en persoas con experiencia previa e consolidar a súa formación. En todo caso, tal e como describe José Manuel Pérez, hai persoas que buscan a formación progresiva e ben planificada pero, doutra banda, hai xente interesada só en practicar sen máis inquietudes. O ideal, sinala Pérez, é a formación deportiva e de coñecemento do medio, neste caso a montaña, porque ten dinámicas moi imprevisibles.
A pesar da formación e a experiencia, os accidentes están aí, pero, quen adoita sufrilos máis? Ao principio adóitase ter menos conciencia dos riscos que pode presentar a práctica deste deporte. Aínda así, Adrián Carreira ve que os principiantes se manteñen alerta pola adrenalina ao enfrontar a algo novo. O problema, neste deporte (como noutros) é o exceso de confianza. Hai que estar alerta como o primeiro día, insiste Carreira, pero cando leva moito tempo practicando as manobras se automatizan e isto pode ser un risco. Unha persoa xa veterana pode ter un accidente debido á modalidade que practique, á climatoloxía, e ao exceso de confianza.
MARCO LEGAL
O alpinismo e outras actividades de montaña en Galicia están regulados pola Lei 3/2012, de 2 de abril, do deporte de Galicia. Nela establécese o marco xeral para a promoción e regulación das actividades deportivas na comunidade autónoma. Esta lei contempla o recoñecemento de deportistas de alto nivel, incluíndo a adestradores, técnicos, xuíces e árbitros que cumpran certos requisitos.
En desenvolvemento desta lei, ditouse o Decreto 165/2020, de 17 de setembro, que regula o deporte de alto nivel, alto rendemento e rendemento deportivo de base en Galicia. Este decreto establece os criterios para o recoñecemento de deportistas de elite en diversas disciplinas, incluíndo os deportes de montaña.
A práctica da escalada en Galicia está suxeita a regulacións adicionais, especialmente en áreas protexidas. O Decreto 37/2014, de 27 de marzo de 2014, declara zonas especiais de conservación os lugares de importancia comunitaria de Galicia e aproba o Plan director da Rede Natura 2000 de Galicia. Este decreto implica que moitas zonas de escalada en Galicia requiren autorización previa para a súa práctica. Para escalar nestas áreas protexidas, é necesario solicitar un permiso ao Xefe do Servizo Provincial de Conservación de Natureza da provincia correspondente. Esta medida busca equilibrar a práctica deportiva coa conservación do medio ambiente.
ACCIDENTES E RESCATE
A seguridade é primordial na práctica do alpinismo e a escalada. Algunhas normas básicas inclúen levar un equipamento homologado e en condicións óptimas. Requírese formación técnica, sobre todo en rutas máis complexas. Débese estudar a ruta, clima e condicións do terreo previamente. É recomendable deixar aviso a algunha persoa coñecida sobre a ruta e o tempo de regreso e, sobre todo, respecto ao medioambiente e practicar o “Non deixar rastro”.
En caso de accidente, hai que determinar a gravidade do accidente e os riscos inmediatos ademais de asegurar a zona para que non haxa máis accidentes. Débese contactar co 112 para dar a localización exacta do lugar e si é posible, aplicar primeiros auxilios se se pode e é seguro facelo. Outras informacións necesarias son o número de persoas afectadas, o estado das mesmas e cales son as condicións meteorolóxicas.
O rescate en montaña empeza coa recepción da alerta (chamada) e avalíase a situación para mobilizar os recursos necesarios (helicóptero, equipos terrestres, ambulancias, etc.). A localización dos afectados adoita proporcionala o GPS para ir guiando aos equipos de rescate. No lugar realízase a asistencia médica si é necesario ou se procede a unha evacuación se o estado reviste gravidade.
Por outra banda, aínda que o rescate en montaña é un servizo gratuíto e universal realizado por profesionais, incluíndo equipos da Garda Civil, hai comunidades como Cataluña, Canarias, Asturias, País Vasco, Navarra, Cantabria e Castela León que poden aplicar unha taxa en rescates baixo circunstancias especiais debido aos custos investidos.
Escribe o teu comentario