Miguel Rodríguez afiánzase no equipo revelación da Eredivisie coa súa "Erasmus" no Utrecht
O futbolista de Redondela gaña peso no Utrecht, que pelexa polos postos de Champions nos Países Baixos.
No historial de cesións do Celta de Vigo o país dos tulipanes ocupa un lugar destacado. Nos últimos anos a Eredivisie protagonizou operacións como as de Lobete ou Fontán, que atoparon acomodo nos Países Baixos para tratar de foguearse e gañar os minutos que non lles concedía a escuadra celeste. Esta tempada hai un novo nome que sumar a esta relación coa liga neerlandesa, lugar propicio para gañar experiencia ao ser un campionato de primeiro nivel europeo pero cheo de talentos novos que están en proceso de dar o salto a unha liga un banzo por encima da holandesa. Trátase de Miguel Rodríguez, unha promesa eterna da Madroa que agora, con 21 anos, parece atopar o seu lugar para brillar na elite.
SEN SITIO EN BALAÍDOS
O de Rodríguez foi un caso particular, xa que desde hai anos leva sendo un dos nomes propios durante os veráns na Sede. Cada ano parecía que ía ser o definitivo, no que este atacante daría o salto ao primeiro equipo de maneira definitiva e asentaríase como referencia do Celta.
Con todo, e a pesar de debutar na tempada 20/21, o canteirán nunca logrou facer un oco e a tempada pasada participou en 15 partidos, sendo este o seu curso con máis presenzas, aínda que tanto Benítez como Giraldez concedéronlle "minutos do lixo" na maioría de casos: nun terzo deses partidos xogou 5 minutos ou menos; no 60% das ocasións só acumulou 12 minutos de xogo na súa folla de servizo.
Considerado sempre como un gran talento, parecía estancarse a súa carreira xusto no momento no que xa é demasiado maior como para seguir operando no B pero non o suficientemente adulto como para asegurar o oco no primeiro equipo. É nestas que no verán apareceu o Utrecht e asinou a súa cesión.
NOVO RUMBO
A diferenza de experiencias pasadas -como a vivida o curso pasado por outro galego, Hugo Novoa, que atopou nos branquivermellos un equipo irregular e pouco consistente, o que freou a súa progresión-, o equipo que comanda Ron Jans está a callar unha primeira metade de campionato sobresaliente, con 31 puntos en trece partidos, o que o deixa a oito do liderado do imparable #PSV -que superou ao propio Utrecht este fin de semana cun contundente 2-5 no luminoso-, pero só a un punto do Ajax, que ocupa a segunda posición.
Metido de cheo na zona nobre da táboa, este equipo atopou en Rodríguez a un futbolista importante. A pesar de xogar primeiro co equipo B, pronto se gañou o rol de titular e o de Redondela foi parte do once en tres dos catro choques disputados en novembro, onde mesmo anotou ante o Sparta de Róterdan, a última vez que entrou como refresco. A isto hai que engadir unha asistencia en liga e un gol en Copa, polo que a súa nota durante a cesión está a ser bastante alta.
En só nove partidos, suma xa practicamente os mesmos minutos que nos 15 xogados o ano pasado en liga. Aos poucos, a base de traballo e esforzo, Rodríguez ábrese paso no fútbol profesional e demostra que pode chegar a ser un activo importante para o Celta de Vigo, que segue o seu con atención a súa progresión e confiando en que este sexa, si que si, o ano da súa consagración.
Escribe o teu comentario