Un pai ameaza un árbitro nun partido no príncipe Felipe de Pontevedra
A Policía Local de Pontevedra tivo que acompañar o pasado fin de semana a un árbitro na saída do campo de fútbol Príncipe Felipe tras as ameazas do pai dun dos xogadores e o temor a ser agredido.
Segundo informou o Concello, os feitos ocorreron o pasado sábado 2 de novembro ás 14.30 horas. Nese momento, solicitouse a presenza dos axentes no campo de fútbol para acompañar ao árbitro na saída das instalacións polas ameazas dun espectador.
Xa no campo de fútbol, o árbitro explicou aos axentes que no transcurso do partido un dos pais dos nenos insultárao e ameazouno con pegarlle, chegando a indicarlle que o esperaba na saída do campo.
O árbitro puido identificar a este pai porque o coñecía en persoa. Na saída, os axentes comprobaron que a persoa identificada non se atopaba nos arredores do campo e o colexiado podo saír con tranquilidade.
A Policía lembra que chegar a este tipo de condutas, aínda que non son delictuosas, "son absolutamente reprochables desde o punto de vista cívico e están moi afastadas da educación que deben recibir os máis pequenos".
Escribe o teu comentario