Marcos Pita, Pantín Surf Camp: "Pantín é a praia con maior garantía de ondas para surfear de toda Europa"

Marcos Pita é un dos socios de Pantín Surf Camp. Cando se iniciou no surf este deporte apenas estaba a empezar en Galicia pero a medida que pasaban os anos o contexto cambiou. A incidencia de varios factores, desde programas de televisión até a chegada de xente foránea son os seus equipamentos, animaron a moitos e moitos locais a meter no medio das ondas. A día de hoxe, Pantín é o referente para os e as amantes do surf en Galicia e fóra dela, porque non son poucos os deportistas chegados de case todo o mundo (sen esaxerar) que veñen probar as ondas desta praia en Valdoviño. A gran diferenza con outras praias: ondas todo o ano.


|

Surf 1
Xabi Robles/Pantín Surf Camp


 

-Pantín é un referente dentro da práctica do surf en Galicia e vós os primeiros en aproveitar as vantaxes deste lugar.

Si, fomos os primeiros pero a idea viña dun proxecto anterior que era un club de surf. En 2004 traballaba como socorrista, aínda que xa era surfeiro, na praia en Pantín. Por aquel entón moitas persoas preguntaban si existía algún lugar onde alugar táboas e se había alguén que impartise clases de surf. Ante isto, uns amigos reunímonos e decidimos montar un club co que dar clases pero sendo club, non escola. Co que gañabamos comprabamos material e iámonos de viaxe para practicar noutras partes. Iso durou como tres ou catro anos ata que en 2008 o proxecto do club desfíxose porque cada un tomou o seu camiño. Nesa época foi cando coñecín ao meu socio actual que me propuxo profesionalizar esta afección creando unha empresa e profesionalizarnos para dar servizos na praia, niso fomos os primeiros.


 

-Que supuxo profesionalizar para ti e o teu socio dentro do surf?

O primeiro converter a nosa afección nunha actividade económica porque como club eramos unha entidade sen ánimo de lucro. A profesionalización supuxo estandarizarnos, buscar onde obter títulos de monitor homologados polo Ministerio de Educación, unha vez obtidos rexistrámonos como traballadores na Seguridade Social e até agora. 


 

-Nos anos 90 empezou a aumentar o número de persoas que practicaban este deporte. Cal foi a raíz ou o motivo polo que se expande a afección ao surf en toda Galicia a partir desas datas?

Creo que en toda Galicia vivíase de costas ao mar porque representaba unha profesión moi dura, os naufraxios e os desaparecidos. Eu empecei a facer surf un pouco tarde, aos doce anos, ademais, moita xente vía este deporte como algo raro e tamén perigoso. A partir dos 90 xa se coñecía máis o surf grazas á televisión, a programas sobre deportes acuáticos, pero o que realmente animou ás persoas a subir a unha táboa foi a baixada de prezos no material. Naquela época os equipamentos eran caras, escasas e difíciles de conseguir. Máis tarde aparecen táboas máis alcanzables, o mesmo ocorre cos traxes de neopreno e finalmente o surf acaba sendo visto como un deporte porque até ese momento non se contemplaba como tal. Ademais, esa imaxe de sol e praia tamén axudou a popularizalo. Hoxe en día unha persoa nunha gran superficie pode pagar unha táboa e un neopreno entre 200 e 250€. Ademais, esa persoa practicará durante tres ou catro anos un deporte que lle resultará gratis practicalo, non pagas polas instalacións. Ten unha esixencia física moi progresiva que ao final che permite superar límites. Ao final converteuse nun deporte moi popular grazas a varios factores. 


 

-O caso é que este deporte se practica tamén no inverno a pesar da mala mar que pode haber nesa época. Como se consegue que a xente perda o medo a practicar surf no inverno?

Porque houbo moitas cousas que melloraron co tempo, o primeiro as escolas de surf. De súpeto vías grupos de catro ou cinco nenos cun monitor aprendendo moi preto da beira, realmente os nenos aprenden coa auga polos nocellos. Pasados tres ou catro veráns os pais vían que os seus fillos e fillas surfeaban moi ben. Por outra banda, tamén axudou moito a incorporación de equipos de socorristas para atender aos bañistas nas praias, isto reduciu o número de accidentes mortais e ahogamientos. Pero tamén os surfeiros actuaban como socorristas alí onde non existía equipo de socorristas ou estaba pecho. Por iso digo que si queres ver ao teu fillo ou filla practicando un deporte seguro na auga lévao a facer surf. A partir de 2009 a Federación Galega de Surf modernizouse e xa organizaba campionatos entre escolas ou entre aqueles que empezaban a surfear. Hoxe en día é unha das federacións que conta con máis licenzas fóra do fútbol.

 

Surf 2
Xabi Robles/Pantín Surf Camp


 

-Cal é a idade idónea para empezar a facer surf e, por outra banda, unha persoa maior de 40 anos para arriba pode empezar a practicalo?

A idade idónea para achegarche a este deporte sería sobre os seis anos porque a esa idade asimilan rapidamente conceptos e é como un xogo, porque a esas idades veñen xogar. Despois temos un espectro de persoas de trinta e cinco anos cara arriba que ten tempo e liberdade económica. Este é un público moi amplo e que vén con moito interese, mesmo veñen familias enteiras. Tivemos casos como o dunha nai que viña coas súas dúas fillas cando eran nenas e aprenderon a surfear, e facíano moi ben. Agora esas nenas xa son mulleres adultas e a súa nai, con sesenta e pico ou setenta anos, segue surfeando. Este deporte, ademais, ten moito público practicante dentro do deporte paralímpico. Sobre as persoas de corenta anos para arriba, tamén poden aprender. Hoxe en día en Galicia temos moi bos instrutores tras os esforzos da Federación porque crearon un plan formativo importante. Por iso digo que estes instrutores poden sacar o mellor das persoas sexa cal for a súa idade. 

 

Pantu00edn
Pantín


 

-Que características reúne a praia de Pantín e que outras praias destacarías en Galicia para practicar surf?

Moitos competidores internacionais que participan no Pantín Classic, sinalan que hai tres lugares no mundo que teñen moi boas ondas e moita constancia de ondas: a costa de Australia, a costa de Nova Zelandia e Galicia. Estamos moi metidos no Atlántico, moi ao norte e todas as borrascas que nos entran fan que teñamos ondas os 365 días do ano e a costa de Lugo e do Cantábrico teñen a sorte de recibir todas as marusías. Sobre a praia de Pantín, a súa orientación fai que as ondas procedentes do norte sexan as máis habituais e por iso é a praia con maior garantía de ondas en toda Europa. Outra vantaxe é que a costa galega é moi irregular e por iso podemos atopar todo tipo de ondas nuns poucos quilómetros. En Portugal, cun tipo determinado de vento podemos quedarnos un tempo sen surfear, en cambio aquí en Ferrol Terra, o vento que dá mal en Pantín pode ser idóneo para Doniños e viceversa. 


 

-Estamos afeitos a surfeiros de Estados Unidos, Australia, Nova Zelandia ou Sudáfrica. Cal é o nivel que teñen a día de hoxe os e as surfeiras galegas?

Nos últimos tempos o salto foi moi forte tanto en Europa como en Galicia máis concretamente. Os europeos van dar moito que falar, sobre todo os surfeiros vascos porque a federación e a comunidade vasca apoian de maneira moi forte a este deporte. Galicia está bastante ben, foi campioa de España en dúas ocasións, por tanto conta con bos e boas surfeiras e bodyboarders como Bruno Martínez, que foi campión do mundo nalgunha proba. O que creo necesario é máis apoio económico, xa mencionei que a Federación galega é das que máis licenzas ten pero non posúe o financiamento suficiente. Creo que se ve ao surf algo máis como unha cuestión turística que como deportiva, pero seguro que un investimento maior daríanos moitas alegrías. Nas idades de entre seis e quince anos temos representación a nivel mundial pero a partir desa idade, se non tes un bo apoio económico para viaxar, non poderás surfear todos os días sobre todo entre novembro e marzo. De todos os xeitos, insisto que temos surfeiros galegos competindo ao redor do mundo.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE