Este mércores empezan os Xogos Paralímpicos: coñece todos os detalles do evento
A cerimonia de inauguración, que se celebrará o día 28 de agosto, terá lugar na céntrica praza da Concordia
Entre o 28 de agosto e o 8 de setembro de 2024, París acollerá os primeiros Xogos Paralímpicos de Verán que se celebran en Francia. Durante 11 días de competición disputaranse 549 eventos con medalla (271 masculinos, 235 femininos e 43 mixtos) nos 22 deportes que forman parte do programa paralímpico: atletismo, bádminton, baloncesto en cadeira de rodas, boccia, ciclismo, esgrima en cadeira de rodas, fútbol-5, goalball, judo, halterofilia, hípica, natación, piragüismo, remo, rugby en cadeira de rodas, taekwondo, tenis de mesa, tenis en cadeira de rodas, tiro con arco, tiro olímpico, tríatlon e voleibol sentado.
A 17ª edición paralímpica reunirá a 4.400 deportistas con discapacidade física, intelectual, visual e parálise ou lesión cerebral, chegados de 182 países. Aínda que a cifra de atletas é a mesma que nos Xogos de Tokio, si haberá importantes modificacións na repartición por deportes, co obxectivo de aumentar a participación feminina, protexer aos deportistas con maior discapacidade e equiparar as cotas nas modalidades por equipos.
Os Xogos de París contarán con 17 sedes de competición repartidas sobre todo entre o centro da cidade (nove instalacións) e a zona de Saint-Dennis, ao norte (tres). As outras cinco atópanse na periferia ou en localidades próximas. Algúns monumentos emblemáticos da capital francesa, como a Torre Eiffel, o Campo de Marte, Os Inválidos ou o Palacio de Versalles, serán escenario de probas paralímpicas.
A cerimonia de inauguración, que se celebrará o día 28 de agosto, terá lugar na céntrica praza da Concordia, coas delegacións nacionais desfilando polos Campos Elisios. A de clausura, prevista para o 8 de setembro, será no Estadio de Francia asignado ao atletismo e situado en Saint-Denis. As outras instalacións non deportivas serán a Vila Paralímpica, o Centro Principal de Prensa e o Centro Internacional de Radiodifusión, situados todos eles en Saint-Denis, e o hotel da Familia Paralímpica, na zona centro.
2024 será a primeira ocasión en que os Xogos Olímpicos e Paralímpicos compartan emblema. Trátase dunha combinación de tres elementos: unha medalla de ouro, unha chama e unha representación de Marianne, a figura alegórica dunha muller tocada cun gorro frigio que identifica á República Francesa. A mascota tamén será a mesma, Phryge, o pequeno gorro frigio que, na súa versión paralímpica, utiliza prótese nunha perna.
Algúns datos sobre os Xogos Paralímpicos de París
- Días de competición: 11 (do 29 de agosto ao 8 de setembro).
- Países participantes: 182.
- Número de deportistas: 4.400 (2.202 homes, 1.859 mulleres e 339 prazas indistintas).
- Probas con medalla: 549 (271 masculinos, 235 femininos e 43 mixtos).
- Tipos de discapacidade: física, intelectual, visual, parálise cerebral e lesión cerebral
- Número de deportes: 22.
- Deportes novos: 0.
- Zonas de competición: Zona de Saint-Denis (3 sedes, incluíndo o Estadio Olímpico), zona de París Centro (9) e sedes periféricas (5).
- Instalacións deportivas: 17.
- Entradas á venda: 3,4 millóns.
- Xornalistas acreditados: 2.200.
- Deportes retransmitidos por TV: 22 (todos).
Escribe o teu comentario