Óscar Pinchi regresa a Galicia desde Turquía para apontoar o ataque do Racing de Ferrol
O exdeportivista é a incorporación de última hora dos de Cristóbal Parralo.
No armario de Óscar Pinchi podemos atopar as camisetas do Deportivo da Coruña, Atlético de Madrid, As Palmas, Estremadura, Fuenlabrada, Mirandés... Agora, o talentoso atacante coruñés suma un novo equipamento á súa colección ao enfundarse a elástica do Racing de Ferrol, casaca que defenderá o que resta de campaña, sendo a última incorporación do cadro departamental neste mercado de inverno.
Pinchi regresa a Galicia despois dun longo periplo que o levou por distintos clubs da división de prata do fútbol nacional e por Turquía, de onde vén en calidade de cedido. O canteirán do Dépor militou este curso nas filas do Rizespor otomán, onde nunca atopou continuidade a pesar de disputar 15 partidos entre liga e copa.
O Racing gárdase unha opción de compra sobre o coruñés, que pode actuar tanto nos extremos como na mediapunta, onde mellor se desenvolve. Parralo consegue así a contratación dun futbolista experimentado e que achega un plus de competitividade a un persoal que tivo un inicio irregular nesta segunda volta pero que mantén intactas as súas aspiracións a pelexar polo ascenso.
Escribe o teu comentario