Os xogadores e xogadoras do Deportivo da Coruña alegran o nadal aos hospitalizados do Quirónsalud
Futbolistas do primeiro equipo, tanto do masculino como do feminino, visitaron aos pacientes do hospital coruñés.
Ninguén quere pasar unhas datas tan sinaladas no hospital, pero ás veces non queda máis remedio. Unha operación ou unha perna rota pódennos ter en observación durante uns días. Son en moitos casos momentos duros e tediosos, pero a convalecencia faise menos estresante si o que entra pola porta é a varita máxica que ten Lea Muíño por perna dereita ou o canón que ten por pé Pablo Muñoz. As xogadoras e xogadores do RC Deportivo da Coruña amenizaron o nadal aos hospitalizados no Hospital Quirónsalud da Coruña e desexáronlles unha pronta recuperación a grandes e pequenos.
Así, Muíño e Muñoz estiveron acompañados por Diego Villares e Carlota Sánchez na súa visita aos pacientes de Quirónsalud, que recibiron tamén algúns agasallos por parte do equipo branquiazul, que ten nestas instalacións o hospital de referencia da entidade.
"O Hospital Quirónsalud A Coruña e o Real Club Deportivo manteñen desde hai varias tempadas un convenio polo que se encarga de realizar cada ano os recoñecementos médicos dos xogadores en pretemporada, así como de prover aos mesmos de todas as súas necesidades de saúde durante a tempada", sinala a firma no seu comunicado.
No entanto, non é o único conxunto coruñés que ten os seus servizos médicos en Quirónsalud, xa que o Club Básquet Coruña, metido de cheo na pelexa por ascender á liga ACB, ou o Hockey Club Liceo, vixentes subcampións ligueiros e unha institución no deporte nacional, tamén depositaron a súa confianza nos profesionais sanitarios de Quirónsalud. Desde Quirónsalud manifestan a súa alegría de contar con esta clase de colaboracións, pois o deporte "reflicte unha serie de valores cos que Quirónsalud identifícase na súa forma de traballar: disciplina, espírito de superación e mellora continua".
Escribe o teu comentario