Oficial: Carlos Vicente abandona o Racing de Ferrol rumbo ao Alavés
Os vitorianos fanse cunha das gangas de Segunda División e un dos futbolistas fetiche da afección racinguista.
Era algo que se temía en Ferrol e que non tiñan moitas formas de evitar. Hoxe consumouse unha noticia que, non por anunciada, resulta especialmente triste na cidade departamental: Carlos Vicente abandona a nave racinguista. Un dos artífices do ascenso e responsable de que o Racing de Ferrol termine o ano como segundo clasificado da Segunda División acababa a súa vinculación na Malata a final de curso, momento no que podería ir gratis en busca de novos retos. En cambio, nin o futbolista nin os seus pretendentes quixeron esperar e pasará a engordar as filas do Deportivo Alavés, que bota as súas redes sobre unha das grandes gangas da división de prata.
Os vitorianos reforzan así o seu ataque co aragonés, que en ano e medio fíxose un oco indeleble nos corazóns dos afeccionados racinguistas. 'A peli' pecha a súa folla de servizo con catro goles nos 20 partidos xogados este curso.
Arriba a Mendizorroza co obxectivo de gañar un posto coa competencia de Hagi ou Rioxa, aos que coñecerá o próximo 28 de decembro, día no que os albiazules regresarán ao traballo para preparar o duelo contra a Real Sociedade.
Agora, a actualidade do Racing pasa por atopar un recambio de garantías e a un prezo módico. A favor está o gran percorrido que están a facer os pupilos de Parralo, que acaban un 2023 para o recordo en postos de ascenso directo, co obxectivo da permanencia máis que atado -moito se ten que torcer o que queda de campionato para que o Racing teña que pelexar por salvar- e cun proxecto máis que consolidado. A calquera bo futbolista sedúcelle semellante carta de presentación.
Escribe o teu comentario