Galicia coróase con 9 ouros no Campionato de España Sub19 e Sub11 de Bádminton
A Federación Galega de Bádminton destacou o seu esforzo e dedicación para fomentar o talento neste deporte
Galicia coroouse no Campionato de España Sub19 e Sub11 de Bádminton, levado a cabo o pasado fin de semana en Cartaxena. Segundo un indica a Federación Galega de Bádminton, os deportistas da comunidade autónoma lograron un fito histórico ao conquistar nove das dez categorías posibles, sumando ademais catro medallas adicionais para un total de trece.
A Federación Galega de Bádminton destacou o seu esforzo e dedicación para fomentar o talento neste deporte. "Estes resultados fannos súper orgullosos, tanto de todo o traballo realizado como dos nosos nenos e nenas que levan o bádminton galego polo mundo", expresaron desde a federación.
Na categoría Sub11, os mozos deportistas galegos estableceron unha marca de resultados, conquistando todas as modalidades e obtendo cinco medallas de ouro, unha de prata e dúas de bronce. Estas cifras reflicten o prometedor futuro do bádminton na rexión. Destacaron particularmente Inés Lemos do CB Ponteareas, que se proclamou dobre campioa de España nas modalidades de individual e dobres feminino xunto coa súa irmá e compañeira Eva Lemos, e Álvaro Gómez, que triunfou nas categorías de Dobres Masculino e Individual Masculino.
Pola súa banda, na categoría Sub19, Nikol Carulla e Rodrigo Sanjurjo convertéronse en figuras estelares. Carulla, formada no centro de tecnificación de Galicia, levou o ouro en tres modalidades: individual feminino, dobres feminino e dobres mixtos. Sanjurjo non quedou atrás, logrando o ouro en dobres masculino e mixtos xunto a Carulla . A pesar de non gañar na categoría individual masculina Sub19, Basilio Porto representou dignamente a Galicia, alcanzando a medalla de bronce.
Este campionato marca un capítulo máis na historia da Federación Galega de Bádminton, que celebra o éxito e o compromiso de adestradores, animadores, pais de clubs e deportistas. Con estes logros, Galicia reafirma a súa posición como unha potencia no mundo do bádminton.
Escribe o teu comentario