1.200 entradas de última hora á venda para o España - Italia en Pontevedra tras a polémica
A Real Federación Galega de Fútbol reacciona ás fortes críticas sobre a venda das entradas do partido da selección española feminina en Pontevedra. O ente que preside Rafael Louzán anuncia a posta á venda de mil duascentas entradas a última hora.
En concreto, a Federación indica que se poderán comprar na súa sede de Pontevedra, na Praza de Pasarón, a partir do catro da tarde cun límite de dous pases por persoa. O organismo advirte que só admitirá o pago mediante cartón bancario e non mediante efectivo ou outras formas.
Centos de afeccionadas expresaron o seu malestar en redes sociais porque cando se puxeron á venda por internet as entradas esgotáronse en segundos. Houbo seguidoras que denunciaron que non conseguiron un pase a pesar de estar logueadas dentro do sistema horas antes do inicio da venda en liña.
POLÉMICA CHEGA Á POLÍTICA
Inicialmente a Federación respondeu as críticas alegando que moitas das entradas non se puxeron á venda porque estaban reservadas para repartir entre mozas que practican fútbol feminino federado. É dicir, foron distribuídas a través dos clubs.
Pola súa banda, a Deputación de Pontevedra, gobernada polo Partido Popular e principal patrocinador do encontro deste venres contra Italia, lavouse as mans indicando que o proceso de venda de entradas dependía directamente da Federación.
A polémica saltou á area política xa que desde o Partido Socialista indicaron que a venda de entradas inicial a través de Internet foi un simple paripé.
Hai que lembrar que o presidente da Real Federación Galega de fútbol é Rafael Louzán, que antes foi presidente da Deputación Provincial de Pontevedra polo Partido Popular, que é o mesmo partido que acaba de recuperar o control desta institución e puxo o diñeiro para traer ás campioas do mundo ao estadio de Pasarón.

Louzán arrastra unha imaxe polémica despois de que fose condenado por prevaricación nunhas obras dun campo de fútbol cando era presidente da Deputación de Pontevedra. Os seus críticos alegaron no seu día que utilizou os resortes da Deputación para asegurar un retiro dourado na Federación Galega de Fútbol mediante, por exemplo, a construción de ducias de campos de fútbol artificial para gañar o favor dos presidentes dos clubs de fútbol.
Louzán defendeu a actuación da Federación na venda de entradas alegando que é moi importante que as mozas federadas teñan oportunidade de ver aos seus ídolos.
De onde saíron as entradas que se pon agora á venda?
A Federación alega que parte proveñen dos pases que foron devoltos desde Italia . Tamén aseguran que algúns patrocinadores da selección feminina han devolto algunhas entradas que lle corresponden na súa condición de financiadores do combinado.
A Federación prevé un cheo absoluto no estadio de Pasarón. “Miles de mozas do fútbol feminino galego poderán ver en directo ás súas estrelas grazas á campaña de promoción levada a cabo polas federacións española e galega, que puxeron a disposición dos clubs galegos con seleccións de fútbol feminino a posibilidade de adquirir entradas a prezo reducido.”, conclúe un comunicado do ente.
O estadio ten unha capacidade para ao redor de 12.000 espectadores pero as normas internacionais han obrigado a reducir o aforamento porque non se permite público de pé nin xusto á beira dos valos. As entradas á venda hoxe supoñen, por tanto, un 10% aproximádamente.
Escribe o teu comentario