Xuventudes Socialistas reclaman a dimisión de Rubiales e do inhabilitado Louzán, presidente da RFGF
Xunventudes Socialistas de Galicia pediron a dimisión do presidente da Real Federación Española de Fútbol, Luís Rubiales, e do presidente da Real Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán, pola polémica do bico sen consentimento á xogadora da selección feminina, Jennifer Hermoso.
A organización considera "noxento, intolerable e profundamente machista" o comportamento do aínda presidente da RFEF.
De igual maneira, piden á Xunta e o partido popular que aparten a Louzán, que xustificou ocorrer con Rubiales como "erros que se cometen na vida". "Non podemos tolerar que se xustifiquen este tipo de actitudes", din.
![Rubiales louzan](/multimedia/images/6127505.jpg)
Xunventudes Socialistas de Galicia pediron a dimisión do presidente da Real Federación Española de Fútbol, Luís Rubiales, e do presidente da Real Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán, pola polémica do bico sen consentimento á xogadora da selección feminina, Jennifer Hermoso.
A responsable de deporte na Executiva nacional de XSG, Jimena Sierra, cualificou o comportamento de Rubiales de "noxento, intolerable e profundamente machista". "É unha vergoña que unha persoa dunha responsabilidade de tan alto nivel, sendo observada por millóns de persoas e xusto á beira da Raíña, aperte os seus xenitais e bique na boca a unha xogadora sen existir consentimento", denunciou a secretaria de Deporte.
Ademais, non só critican as accións de Rubiales na celebración da final do mundial, senón que insisten en que o seu comportamento posterior corresponde "a un déspota machista sen escrúpulos".
"Durante o voo, aproveitou a súa posición de poder para presionar á xogadora, a Federación emitiu un comunicado cunhas declaracións que ela nunca fixo; e por último, este venres, na Asemblea Extraordinaria, realizou unha intervención profundamente misógina, responsabilizando a Jennifer Hermoso", recalcan.
LOUZÁN, NO MESMO SACO
Así mesmo, Sierra denuncia a "xustificación do machismo" de Luís Rubiales e implica tambiéna a Rafael Louzán, que este xoves se refería aos actos do presidente da RFEF como "erros que se cometen na vida". "Non podemos tolerar que se xustifiquen este tipo de actitudes", afirmou.
Respecto de Louzán, lembran a situación de" irregularidade" na que se atopa o que fóra expresidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, "condenado por corrupción e inhabilitado para o exercicio de cargos públicos".
"Rafael Louzán non pode continuar un minuto máis como presidente da Federación Galega de Fútbol por dignidade institucional e por respecto ás mulleres", aseguran. "Unha persoa inhabilitada por prevaricación non debería presidir nin a súa comunidade de veciños e, en cambio, é o encargado de xestionar case medio millón de euros", insisten.
Así, instan a Alberto Núñez Feijóo e a Alfonso Rueda, excompañeros de partido de Louzán, a que pidan abertamente a súa dimisión, "como fixo Cuca Gamarra con Luís Rubiales esta semana".
Por último, piden ao Goberno de España que, ademais de tomar accións contra Rubiales, tómeas tamén contra o presidente da federación galega.
"O mellor que se pode facer por comemorar a súa vitoria é facer que estas persoas non continúen á fronte dos seus cargos", sinalan, animando ademais a "actuar conxuntamente como sociedade". "Non existen os erros, o deixamento ou os 'divorcios duros', é machismo puro e duro", conclúen.
Escribe o teu comentario