Un gol de Paralluelo na prórroga manda a España a semifinais (2-1)
A Selección Española de Fútbol xa é unha das catro mellores do mundo. As pupilas de Jorge Vilda superaron a Países Baixos no tempo engadido despois de igualar 1-1 nos primeiros 90 minutos. A pesar de que o gol oranje chegou xusto sobre a bucina, 'A Vermella' recompúxose e superou os cuartos de final.
Con épica, con tensión e con moita garra pasou España ás semifinais do Mundial Feminino de Fútbol. A final da Copa do Mundo está a só un paso para as xogadoras españolas, que se medirán o vindeiro martes a Suecia ou Xapón na seguinte rolda.
España foi mellor de principio a fin, pero houbo que esperar até o minuto 81 para que Mariona fixese o primeiro gol desde os once metros. A central van der Gragt puxo a igualada no tempo de desconto nun descoido da defensa de España, que tirou mal a liña do fóra de xogo. Cando todo parecía destinado aos penaltis, unha xenialidade individual de Salma Paralluelo decidiu o pase de España.
Escribe o teu comentario