Breogán e Obradoiro encaran a recta final da liga co único desafío de ser mellor que o outro
Sen opcións de playoff, os dous equipos galegos afrontan os últimos tres partidos da campaña sen máis aliciente que superar ao seu veciño na clasificación.
Foi unha campaña bonita, de loita e sen riscos coa zona baixa, pero a falta de tres partidos xa podemos dala por acabada. Tanto Monbus Obradoiro como Leite Río Breogán atópanse totalmente libres da ameaza do descenso despois dunha tempada na que selaron o obxectivo da permanencia con folgura. Polo mesmo, no que resta de campionato xa non teñen opcións de alcanzar o último billete para os playoff, que caerá, case con toda probabilidade, en mans da Valencia Basket, que avantaxa nunha vitoria a UCAM e conta cun partido menos que os murcianos, que terminan a liga en casa do Barça.
A marca nestes momentos está en 13 vitorias e 18 derrotas para os dous equipos galegos. Son uns números aceptables nunha campaña de transición e de consolidación dos proxectos, obrigados a reconstruír practicamente cada verán.
Tamén houbo momentos para a historia, como a agónica vitoria da Obra aos azulgransas en Fontes do Sar ou o triunfo por esmagamento do Breo ao Real Madrid no Pazo dous Deportes. Desgraciadamente, tras esa vitoria memorable ante os brancos, os lucenses encadea un refacho de cinco partidos sen gañar, algo que evitaron os composteláns o pasado fin de semana coa súa vitoria ante Granada, cortando o ciclo de catro derrotas seguidas.
CALENDARIO
Agora, a tempada conclúe para ambos e só queda por saber que galego alzarase sobre o outro. O calendario, a priori, é especialmente complicado para os santiagueses, que este venres visitan ao "coco": o Barça de Šarūnas Jasikevičius, un conxunto ao que só venceron en catro ocasións e unha única vez no Palau. Joventut, inmerso nunha pelexa con Gran Canaria pola sexta praza, e o desafiuzado Fuenlabrada, son os outros choques que quedan aos de Moncho Fernández, todos eles a domicilio.
As datas que veñen son máis amables para o Breo. Os lugueses, visitan o mércores a casa do Bilbao Basket, equipo que comparte o mesmo balance cos galegos e que persegue a 14ª vitoria do ano. Para o fin de semana tocará recibir a Manresa , que para entón podería estar xa matematicamente salvado, e terminar a competición ante o seu público contra a Valencia Basket, que podería chegar ao duelo como equipo de playoff. Tres partidos, tres enfrontamentos para decidir quen dos dous é o mellor galego. Quedan cousas por dicir na liga ACB.
Escribe o teu comentario