Joselu pecha filas con Diego Martínez: "Temos plena confianza nel"

O técnico galego conta co respaldo do seu persoal, pero a propiedade, establecida en China, pode cesalo en calquera momento. 


|

DIEGO MARTu00cdNEZ
Foto: EP

 

"Entre galegos non nos pisamos a mangueira". Non é así, pero no RCD Espanyol han reescrito o refraneiro entre a súa estrela, Joselu Mato, e o seu técnico, Diego Martínez. O dianteiro de Silleda e o técnico de Vigo atópanse nunha situación difícil, porque o Espanyol parece destinado a pelexar pola permanencia até as xornadas finais, pero o persoal parece pechar filas co preparador galego, que goza do respaldo dos seus futbolistas e de parte da bancada.

 

Os OLLOS EN CHINA

A delicada situación do equipo branquiazul vai moito máis alá do que ocorra no campo. A fractura entre os afeccionados e a entidade vén máis polo aspecto institucional, cunha dirección deportiva perdida polo rumbo dos xestores do club, co empresario chinés Chen Yansheng moi cuestionado pola súa forma de dirixir a propiedade.

 

As súas decisións cos técnicos foron sempre controvertidas e custaron un descenso. Logo de recuperar a categoría, o equipo podería volver sufrir unha nova baixada a Segunda, da que nesta ocasión custaría moito saír porque obrigaría ao equipo a unha reestruturación sen precedentes. 

 

"ESTAMOS MOI UNIDOS"

A posición na táboa -só un punto por encima do descenso- obriga a Diego Martínez a ter un ollo posto no interruptor, xa que en calquera momento Chen pode apertar o botón e facer caer ao galego pola trampilla. Agora mesmo, parece unha opción afastada, pero as tres derrotas consecutivas e a imaxe de ser un equipo inoperante neses tres choques pon a Martínez no disparadero, aínda que o bloque mostre a vontade de que o preparador siga. 

 

"Ten toda a nosa confianza. É o noso líder", dixo Joselu desde Málaga, onde se atopa concentrado con España. O nivel do ariete galego é unha das poucas noticias positivas da tempada do Espanyol, que conta cun dos aspirantes a ser o Zarra do campionato -tamén Iago Aspas e Borja Iglesias suman 12 dianas, como o atacante periquito-.

 

"Os plans de partido sempre saíron ben e cando fomos capaces de facer ben as cousas fomos capaces de puntuar contra grandes equipos", lembra o nove, que trata de apagar un incendio que ten á parroquia espanyolista moi acesa, con enfrontamentos con pezas importantes como Darder dialogando cos ultras que pedían unha reacción aos xogadores. 

 

O capitán tamén botou un capote a Martínez: "O vestiario non ten dúbidas. Outros anos non tiñamos a unión de agora. Niso somos inmellorables. Axudaranos a sumar máis puntos que outros equipos. Temos esa virtude, que imos todos da man. Iso non o poden dicir todos os clubs". Unha unidade que agora teñen que demostrar ante o Xirona a próxima semana en Montilivi. Se non saen de alí cun bo resultado, nin sequera as boas palabras dos seus pupilos poderán salvar a cabeza do adiestrador vigués. 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE