O concello de Vedra nomea ao campo de fútbol de San Mamede como Manuel Silva
O campo de fútbol da parroquia de San Mamede pasou a chamarse desde este sábado Manuel Silva, en homenaxe a unha figura fundamental do equipo durante 50 anos
O concello de Vedra realizou un acto este sábado no campo de fútbol de San Mamede, para cambiarlle o nome polo de Manuel Silva. Nel estivo presente o propio homenaxeado, unha peza funamental do club durante máis de 50 anos.
O acto tivo lugar no descanso do XXXIV Trofeo Concello de Vedra, que enfrontou ao CD San Mamede co VDE Ulla, unha das rivalidades máis clásicas entre as parroquias do muncipio coruñés.
Nesta homenaxe interviñeron Yolanda Vieiro, do BNG, Beatriz Amenal, do PSdeG, Sabela Maceira, actual presidenta do club San Mamede; Manuel Lores, vogal de relacións institucionais da Federación Galega de Fútbol; Carlos Martínez Carrillo, alcalde de Vedra e vogal do PP; José Manuel Alvela, máis coñecido como Rivelino, colaborador de Manuel Silva, xogador e adestrador, e o propio homenaxeado.
Despois de que Manuel Silva descubrise a placa co seu nome, tivo lugar unha breve intervencíón do alcalde, Carlos Martínez Carrillo, na que destacou a importancia deste acto por supoñer un fito histórico, xa que era a primeira vez que un concello daba o nome dun personaxe a unha instalación municipal.

A FIGURA DE MANUEL SILVA NO CD SAN MAMEDE
Manuel Silva foi unha parte fundamental do CD San Mamede, desde que se federó o equipo en 1967 ata o 2017 cando deixou a presidencia. Comezou xogando no club, posteriormente foi adestrador e finalmente acabou sendo o presidente durante trinta anos.
Durante a súa presidencia, o CD San Mamede gañou en tres ocasiones a Copa do Sar e chegou a clasificarse para a fase de ascenso a Rexional preferente cando Silva estaba no club como xogador.
En 2016, Manuel Silva deixou a presidencia en mans de Manuel Mallo, pero o novo responsable pediulle que se mantivese ata xuño de 2017, cando o equipo cumpriu 50 anos de historia.
A iniciativa de cambiar o nome do campo polo de Manuel Silva foi da súa actual presidenta, Sabela Maceda, un proposta aceptada de inmediato por todos os grupos da corporación.
Escribe o teu comentario