Libraríaa Bandini de Bertamiráns, mellor nova libraría a nivel España polo seu impulso cultural
A libraría Bandini, situada en Bertamiráns (A Coruña), acaba de recibir o “Premio Novas Librarías 2026”, un galardón estatal entregado no XXVII Congreso de Librarías, celebrado en Valencia. O recoñecemento destaca o seu papel como referente da lectura e a dinamización cultural en Galicia, así como a súa capacidade para resistir a homogeneización cultural.
A libraría Bandini, situada en Bertamiráns (A Coruña), acaba de recibir o “Premio Novas Librarías 2026”, un galardón de ámbito español entregado no XXVII Congreso de Librarías, celebrado en Valencia.
A só dez quilómetros de Santiago de Compostela, Bandini consolidouse como lugar de encontro entre escritores, lectores e artistas. Fundada por Óscar Porral Vicente, vicepresidente da Federación de Librarías de Galicia, e por Sara Carballo, graduada en Literatura Comparada, a libraría combina a venda de libros coa creación dun espazo cultural activo e participativo.
Entre as súas propostas destacan os clubs de narrativa e poesía, os clubs de lectura silenciosa, e as sesións de lectura terapéutica, iniciativas que reforzan a súa vocación de achegar a literatura a diferentes públicos. Ademais, organiza encontros con autores destacados, como Jorge Carrión, Lucía Solla Sobral ou Javier Peña, reforzando o vínculo entre creadores e lectores.
De libraría a editorial
O proxecto non deixa de crecer. Tras recibir en anos anteriores o Premio XEA, Bandini inicia agora unha nova etapa coa creación da Editorial Bandini, que publicará os seus primeiros títulos na primavera de 2026. A intención, segundo os seus impulsores, é ampliar o alcance da libraría e seguir dando voz a autores emerxentes dentro e fóra de Galicia.
O Premio Novas Librarías reforza así a importancia da cultura de proximidade e o papel das librarías independentes fronte á concentración do mercado editorial. Nun momento en que a compra online domina o sector, Bandini representa a resistencia cultural desde o local, un modelo que prioriza a proximidade, o asesoramento literario e o intercambio humano.
“Resistir a homogeneización cultural” é, en palabras de Porral Vicente, a esencia do seu proxecto: un espazo onde a lectura se vive como experiencia colectiva e transformadora.
Escribe o teu comentario