'Esta vez', o último avance de Luís Fercán antes do lanzamento de 'Cerdeiras en flor', o seu próximo disco
O 6 de febreiro o cantautor galego descobre o seu novo traballo.
Este ano o sakura, ou a floración das cerdeiras, adiántase á chegada da primavera. E non será por unha cuestión de maduración das árbores, senón porque Luís Fercán regalaranos o 6 de febreiro 'Cerdeiras en flor', o seu novo álbum. A conta atrás iníciase hoxe coa publicación de 'Esta vez', o quinto e último adianto deste traballo.
LANZAMENTO E XIRA
Íntima, contida, coa emoción a flor de pel...esta canción é das favoritas do artista galego, que non esconde a súa predilección: "É probablemente a letra que máis me gusta do disco". O cantautor recoñece que este é un tema polo que sente especial agarimo, talvez polo tema que trata.
En 'Esta vez' aborda un asunto tan delicado como a incapacidade de soltar a algunhas persoas que, a pesar de querer afastalas, resúltanos imposible deixalas ir. É este un dos moitos pensamentos que contén 'Cerdeiras en flor', que se descubrirá ao público en cuestión dunhas poucas semanas.
As cancións descubriranse ao gran público en febreiro, pero a xira de concertos proxecta levalo por distintos puntos da xeografía galega e nacional, con parada nalgúns eventos de calibre como o Río Verbena Fest de Pontevedra ou o Xardín das Delicias de Madrid.
Escribe o teu comentario