Marcos Maceira: "se non hai necesidade de coñecer o galego na administración estatal en Galicia, é discriminación lingüística"

A Mesa pola Normalización Lingüística participa da iniciativa que busca garantir os dereitos das persoas falantes doutras linguas do estado fronte a administración central. É asi que o presidente da Mesa, Marcos Maceira, explica a posición galega dentro da iniciativa que quere acabar cunha situación considerada discriminatoria cara os galegofalantes. 


|

Marcos maceiras
Marcos Maceira

 

 

 

 

-Que valoración fai a Mesa pola Normalización Lingüística sobre a iniciativa no Congreso para que a cidadanía poida usar o galego, catalán e eukera nas súas comunicacións coa administración do Estado?

A Mesa deu unha rolda de prensa no Congreso pola mañá e estivemos convidados a asistir ao debate. A Mesa e outras entidades en defensa do catalán e do euskera presentaramos en 2021 unha Proposición Non de Lei (PNL), da que se aprobaran maioritariamente uns puntos. Un deses puntos era garantir os mesmos dereitos e deberes para todas as linguas. Derivado diso, e da actividade das diferentes entidades diante do Consello de Europa (CE), e de requerimentos ao Estado para a modificación de determinadas leis que impiden o desenvolvemento da Carta Europea das Linguas, ao final, temos un resultado nesta lei orgánica para garantir os dereitos lingüísticos. Pídese a modificación das leis que impinden a oficialidade real das linguas propias de cada territorio. Leis como Estatuto do Empregado público ou a Lei de Procedemento Administrativo, a Lei de Contratos ou a Lei Orgánica da Educación. A valoración é positiva, pois non poden ser plenamente oficiais nos seus territorios linguas que teñen limitacións no seu uso. Todo isto poderase mellorar durante a tramitación, mais como primeiro paso é algo importante. Naquilo relacionado co galego e con Galicia entra aquí en cuestións que estaban acordadas unanimemente para o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega. Por iso mesmo, non se explica que unha deputada galega do PP votase contra esta lei, unha deputada que participou na elaboración do Plan de Xeral de Protección da Lingua Galega, e que esa deputada mostre de maneira descarada a actitude contraria do PP á mesma existencia das linguas. 

 

Pídese a modificación das leis que impinden a oficialidade real das linguas propias de cada territorio
 

 

 

 

 

 

-Como prevés a reacción dalgúns organismos a recibir documentos enteiramente en galego, algúns deles refractarios a iniciativas como estas?

É inadmisíbel no caso galego que menos do 1% dos procedementos xudiciais sexan en galego. Iso a pesar de que son moitos máis os procedementos que inicialmente se presentan en galego. Sabemos que o 20% dos procesos iniciados nos xulgados do Social se inician en galego, reclaman que continúen na nosa lingua e só o 1% conseguen que a totalidade do trámite sexa en galego. Isto débese a que a Lei do Poder Orgánico Xudicial di xusto o contrario ao reflectido na Carta Europea de Linguas Rexionais Minorizadas, un tratado internacional que debera estar por encima desta lei orgánica. Este documento di que o procedemento legal debe ser na lingua minorizada a petición dunha das partes, mais a lei Orgánico Xudicial di que será vontade do xuíz. Isto debera mudar con coñecemento de galego por parte do persoal de xustiza, á parte dáse validez a todo o que se faga en galego, se non hai coñecemento de galego entre os funcionarios de xustiza e así dificilmente se poderá desenvolver a nosa lingua na administración de xustiza. O mesmo sucede coa Administración do Estado, se non hai necesidade de coñecer o galego na administración estatal en Galicia estamos diante dunha discriminación lingüística que, precisamente, queriamos corrixir agora. 

 

 

 

 

 

-Falabas dunha deputada galega que votou en contra desta iniciativa. Non é estraño que deputados e deputadas do PP voten contra propostas como esta.

É algo contradictorio, porque moitos dos puntos da iniciativa estaban no Plan de Protección Xeral da Lingua Galega de 2004. O Paramento galego tense posicionado en aplicar a Carta Europea de Linguas Rexionais Minorizadas con votos unánimes, mais é moi difícil aplicalas sen esta proposición de Lei Orgánica, por tanto, o galego ou é oficial ou non o é. Se non é así, o que temos é unha oficialidade forma ou declarativa do galego. Isto ten que pasar á realidade, usar con normalidade o galego en todos os espazos. Esperamos que esta proposición se aprobe o máis axiña posible.
 

 Sabemos que o 20% dos procesos iniciados nos xulgados do Social se inician en galego, reclaman que continúen na nosa lingua e só o 1% conseguen que a totalidade do trámite sexa en galego

 

-Cal é a interpretación da Mesa sobre o “uso político das linguas”?

Non pode haber pluralidade lingüística no Estado se non hai un recoñecemento absoluto a esa pluralidade que inclúe a lexislación sobre as linguas. Cando presentamos a proposición en 2021 pediamos acabar coas discriminacións de todo tipo, incluídas as lingüísticas. Queremos dar igualdade de condicións a todas as linguas do Estado, no noso caso o galego, que ten un problema de oferta que non corresponde coa porcentaxe de falantes que temos: 0.04% de presenza do galego en RTVE, unha procentaxe inferior ao 1% do uso do galego en xustiza, que a maior parte das webs o Estado non pasan de usar galego do nivel un, o uso de tradutores automáticos ou problemas co uso do galego na contratación pública, todo isto son aspectos que impiden o uso da nosa lingua en todos os contextos. Se se quere recoñecer esa realidade diversa no ámbito lingüístico hai que dar un paso no ámbito lexislativo, así as persoas que queremos falar e vivir en galego teñamos o mesmo dereito e capacidade de usar a nosa lingua que o que xa teñen noutros territorios. Reclamamos que non exista discriminación polo feito de usar unha persoa a súa lingua, que era o primeiro punto do plan de 2004. Entre os partidos que votaron a favor da proposición de lei hai uns puntos mínimos onde hai acordo. Desde un punto de vista democrático e de recoñecemento da pluralidade lingüística, non se concibe unha posición que non sexa a favorábel á resolución da mesma. Non hai nada que se pida nada máis que o reclamado para o castelán tampouco se pedirá menos. 

 

 

 

 

 

Isto ten que pasar á realidade, usar con normalidade o galego en todos os espazos. Esperamos que esta proposición se aprobe o máis axiña posible
 

-Falabas das webs do Estado mais as webs da administración autonómica, cando se abren, están maioritariamente en castelán?

Hai un problema que non existía antes da chegada do PP á Xunta, en todos os dispositivos aparece en castelán e tamén dependen da configuración do teu computador. A presenza do español en espazos onde tiña era o galego o que tiña presenza, agora hai un retroceso da administración da Xunta por non promocionar o galego nin nas súas propias webs. A Xunta ten a obriga de promoción da lingua galega mais vemos que non é así. Quizais por iso lles preocupa unha lei orgánica para recordarlles as súas obrigas. 


 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE