Arte e cultura dixital con figuras de referencia na Cidade da Cultura
O 20 e 21 de novembro, máis dunha vintena de figuras da escena nacional e internacional levarán ao Gaiás a súa experiencia nun foro que, ademais de conversacións e relatorios, incluirá espazos para experimentar de primeira man propostas artísticas innovadoras neste ámbito
A Cidade da Cultura, en Santiago, acollerá en novembro a primeira edición de 'Sinte. Foro internacional de arte e cultura dixital', un encontro ten o obxectivo de abrir un espazo de reflexión e diálogo sobre retos e oportunidades da creación dixital contemporánea.
Este encontro, impulsado pola Xunta, reunirá en Santiago a algunhas das voces máis recoñecidas do momento neste ámbito, desde artistas, estudos, especialistas en xestión cultural ou representantes de espazos dedicados á exhibición e á creación.
Desta forma, o 20 e 21 de novembro, máis dunha vintena de figuras da escena nacional e internacional levarán ao Gaiás a súa experiencia nun foro que, ademais de conversacións e relatorios, incluirá espazos para experimentar de primeira man propostas artísticas innovadoras neste ámbito.
Así, poderá verse por primeira vez en 'Galicia Materia', un dos espectáculos con visuais en directo do artista bretón Maotik, que fusiona arte e ciencia nunha peza onde as imaxes xenerativas e o deseño de son sincronízanse e manipulan en vivo evocando as transicións dun estado a outro da materia.
Tamén haberá unha dobre función do coreógrafo e bailarín xaponés Hiroaki Umeda, unha das principais figuras da escena de vangarda no país nipón, cun traballo que encarna maxistralmente a fusión entre danza, movemento e novas tecnoloxías.
O programa inclúe dúas conferencias maxistrais para profundar nos desafíos aos que se enfrontan tanto os artistas e estudos como as institucións e centros de exhibición, nun momento en que as transformacións tecnolóxicas, os algoritmos e os espazos híbridos están a cambiar a paradigma da creación cultural.
Escribe o teu comentario