Acordo para salvar as festas de Coia en Vigo
As populares festas do barrio celebraranse entre o 4 e 8 de xullo despois da polémica sobre o plan de seguridade.
"O Concello garante, xunto coa comisión, que haberá festas en Coia, e que alí estarán todas as atraccións que reúnan todas as condicións de seguridade que esixe a normativa autonómica", subliñou o portavoz municipal, Carlos López Font, nun audio difundido aos medios de comunicación tras o termo do encontro.
Segundo dixo, "de ningún modo" instalaranse en Coia atraccións que non reúnan as condicións de seguridade que marca a lei. Asumindo que a comisión terá "menos ingresos", o goberno local farase cargo desa partida que se deixará de percibir para poder "manter o resto do atractivo das festas, como orquestras ou actuacións".
Todo iso despois de que a comisión anunciase esta semana a suspensión das festas tras negar o Concello autorización, debido a que non se aprobou o plan de autoprotección presentado pola organización inicialmente.
COMISIÓN ORGANIZADORA
Pola súa banda, o presidente da Comisión de Festas, Manuel Carrera, confirmou o acordo co Concello e ratificou que se recuperará a festa segundo estaba previsto, aínda que descartou que vaian poder instalar atraccións, nin de adulto nin infantís.
Así, explicou que, se aínda están a tempo, manterán as actuacións de orquestras, aínda que as trasladarán á zona de terra onde inicialmente ían situarse as atraccións de gran porte. Deste xeito, indicou, solucionaranse os requisitos de aforamento esixidos.
Igualmente, confirmou que non será necesario presentar un plan de autoprotección por cada día de celebración, e que o Concello asumirá as perdas derivadas da ausencia de atraccións mediante subvención.
Escribe o teu comentario