Dentro da 'Amnesia' do santiagués Francisco Lorenzo: "Canto máis tentamos lembrar algo, máis se afasta da realidade"
Tras o éxito de 'O Manipulador', Santiago Lorenzo presentou este xaneiro 'Amnesia', a súa segunda novela, un thriller psicolóxico que, nas súas propias palabras, non se parece a ningún outro libro. O compostelán atende a Galiciapress en plena xira de presentación para comentar como foi o proceso para compor esta novela, que explora asuntos como a memoria ou a saúde mental nun libro narrado en primeira persoa e en presente.
Estás en plena xira de presentación e xa tiveches oportunidade de estar cos lectores. Como están a ser e que reaccións estás a atoparche entre os lectores?
Estamos a empezar coas presentacións aínda porque o 16 de xaneiro foi a presentación do libro. Imos ter máis presentacións agora en xaneiro e ao longo de febreiro. De momento os lectores están a reaccionar moi ben. Están a enviarme mensaxes aqueles que o terminaron xa. E está a gustar moito, ou sexa que moi ben. Eu estou contento, eles tamén… Todo estupendo!
Dis que non hai ningunha novela que se pareza a Amnesia. Imaxino que iso supón un gran traballo detrás da mesma para buscar algo fresco nun momento no que o xénero está tan explotado. Canto tempo levou construír Amnesia con todos os seus recunchos e xiros?
O que é a base, que é do que podo falar, si que non atopo ningunha similitude. Así como na anterior, en ‘O Manipulador’, poderíache dicir que se parece a algunha novela de investigación policíaca ou algún relato de Sherlock Holmes. Podes atopar aí parecidos, pero o que é a base de ‘Amnesia’, do que parte, non coñezo nada. Logo xa cando vas entrando…aí xa é onde non podo falar, porque sería facer spoiler porque nese momento xa si pódeche lembrar a algunha outra historia.
No que se refire ao proceso de construción foi algo bastante de darlle voltas á cabeza para ver como dar os xiros e como facer que encaixasen todas as pezas. Porque ao final a min o que me gusta é construír historias deste tipo, que van soltando detallitos, se cadra a algo non lles dás importancia e ao final ves que todo encaixa.
E atopáchesche con algún lector que che dixo que tivo que darlle para atrás para o libro, para tratar de encaixar aquilo que pasou por alto e se cadra tivo importancia máis adiante?
Non con ese caso concreto, pero si disto de que os lectores se dan conta que esta peza que pensaba que non tiña importancia, pois que ao final no momento en que a ataba, púñana dentro do puzzle e encaixáballes, acordábanse dela.
Afacemos pensar nos thrillers novelas que están ambientadas nunha gran cidade, arrastrados pola idea de que todo ten que ocorrer en Madrid ou Nova York. Ti escolles A Coruña como xa fixeches con Santiago. Préstanse as cidades galegas a esta clase de historias?
Son dous lugares que coñezo, cidades que me gustan, que coñezo e sitios que poden prestar tamén a algunhas necesidades de guión. Se fai falta algún aeroporto, por exemplo, busco aquilo que resulte o máis verosímil posible no que é o mundo real.

O libro está narrado en primeira persoa a través de Arturo, case como un diario, polo que vemos, ouvimos e sentimos o mesmo que el, polo que toda a información que temos dos demais personaxes é nesgada. Como é ese equilibrismo dun escritor á hora de construír a un personaxe como Arturo e debuxar, digamos só a medias, ao resto?
O tema da primeira persoa, ademais en tempo presente, creo que fai que sexa máis inmersiva a historia. Case mesmo máis que un diario, porque os diarios ti escríbelos xa en función dos teus recordos. Aquí é coma se o lector estivese na mente de Arturo, coma se vivise as cousas no momento en que lle pasan a el. A medida que avanza a historia o lector ve todo o que a el pásalle segundo a súa perspectiva, o seu punto de vista, os seus ollos e a súa cabeza. Neste sentido é outro tipo de forma de construír a historia, completamente distinta a unha terceira persoa no pasado, por pór un exemplo.
Si que require que tes que construír o ton do personaxe, porque o narrador e o personaxe son o mesmo. Noutros casos non, noutros casos temos por unha banda ao narrador e doutra banda ao personaxe, entón aí pode haber certos cambios de rexistro e demais. Neste caso tes que mirar que todo sexa coherente e as expresións que se manteñan ao longo de toda a narración para que encaixen co personaxe.
MEMORIA E SAÚDE MENAL
Mencionas a memoria, algo que ten moito peso na narración, marcando a diferenza entre como lembramos as cousas e como sucederon en realidade, non?
Ese é o tema. Canto máis tentamos lembrar algo, máis se afasta da realidade. Iso é un feito, é así como funciona. Pero isto vai máis aló, isto xa vai até o punto de que Arturo lembra cousas, digamos, transcendentais, que ao final segundo el ocorreron dunha forma e estanlle contando que ocorreron doutra moi distinta. E, ademais, non fala do que pasou fai 20 anos, senón do que pasou, se cadra, antonte. Entón, en quen confías cando os teus recordos non encaixan co que che contan? É o que lle dá o impulso inicial á historia.
Es publicista de formación. Inflúe moito a túa experiencia neste campo á hora de escribir? Dígoo porque é un ámbito no que tamén se xoga moito coa sorpresa, coa sedución…
Si, pero tamén estudei neurociencia aplicada. Vaia por diante que non son neurocientífico nin científico nin nada así, pero si que estudei como funciona todo o tema da memoria ou o pensamento creativo, a parte das emocións e demais. Entón, si que estudei bastante como funciona tamén, entre outras cousas, a sorpresa, o asombro, o suspense.
Analizo todos estes aspectos porque cando consumo unha historia, sexa a través dun libro, unha serie, unha película, pois analizo como é iso. Se algo me mantén a min o suspense, despois párome a pensar: “Por que isto mantívome en suspense?”. Se cadra vólvoo a ver, analízoo. e iso despois é algo. Son leccións que acabas interiorizando e despois podes trasladar ás historias que escribes.
Entón, imaxino que estás sempre coa antena posta a ver que che pode chamar a atención e como podes aplicalo no futuro.
Si, si, por suposto!
Pos sobre a mesa o valor da saúde mental e a fraxilidade da mesma. Segue sendo un tema tabú en moitos sentidos, aínda que tamén parece que aos poucos deixa de estar demonizado, en parte porque o vemos en tantos personaxes no cine ou na literatura van ao terapeuta. Supoño que é un dos grandes valores que ten a cultura, crear esta clase de referentes…
É un tema que segue silenciado, si. Igual que se cadra tes un problema de estómago e podes tratalo, o estómago é un órgano, o cerebro é outro órgano e os dous poden ter determinados problemas que hai que tratalos con naturalidade.
PRONTO EN CINES?
Tanto ‘O manipulador’ como ‘Amnesia’ son material máis que interesante como para levalos ao cine ou á pequena pantalla. Hai algún achegamento nese sentido?
Buf, mentalmente si! Oxalá chegue a pasar. Creo que son historias que as plataformas de streaming poden levar a un formato como o das miniseries ou algo así. Eu creo que se prestan bastante. A miña porta está aberta para falalo.
2024 foi o debut, 2025 a consolidación. Aínda que agora toca gozar dos froitos de ‘Amnesia’...hai algo xa no forno?
Algo si hai no forno. Concretamente hai dúas historias ás que lle estou dando voltas. Obviamente tereime que decantar por unha, iso non quere dicir que a outra desapareza, senón que todo ten que ser ao seu debido tempo. Teño que ir por orde, entón agora teño que elixir por cal. Pero se cadra ocórrelleme outra e decántome por ela ao final, de forma que estas dúas déixoas aparcadas. Pero bo, iso pronto me porei con iso e bo, espero que tamén pronto estea aí onde están agora ‘O Manipulador’ e ‘Amnesia’.
Escribe o teu comentario