Concurso Letras Galegas 2025, abre o prazo para que os centros educativos poidan presentar
As propostas pódense presentar até o 23 de xaneiro a través da sede electrónica da Xunta
A Xunta abriu o prazo para que os centros educativos participen no concurso sobre as Letras Galegas 2025, polo que poden presentar as súas solicitudes até o 23 de xaneiro, mediante a sede electrónica da Administración autonómica.
Desta forma, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e a de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, colaboran unha edición máis no concurso sobre ese día dirixido aos centros de ensino público non universitaria e que, de face ao ano que vén, versará sobre as cantareiras e a poesía popular.
A iniciativa, detallou a Xunta nun comunicado, convida aos estudantes a elaborar unha exposición centrada na obra, a época e a situación sociolingüística da etapa histórica na que viviron as mulleres que protagonizarán a efeméride en 2025.
O certame, que implicará tanto a alumnado como a profesorado nun traballo conxunto, establece dúas categorías: unha para Educación Infantil e Primaria e outra que abarca a Secundaria, Bacharelato, Formación Profesional e Ensinos de réxime especial.
Así, ademais de potenciar o estudo da época e propiciar unha reflexión sobre a lingua e a sociedade do momento, os participantes tamén terán un premio económico de 2.000 euros por categoría.
O Día das Letras Galegas 2025 renderá homenaxe ás cantareiras Adolfina e Rosa Casás (Cerceda), Eva Castiñeira (Muxía) e ás Pandereteiras de Mens, Manuela Lema Villar, Prudencia e Asunción Garrido Ameijende, de Malpica de Bergantiños.
Escribe o teu comentario